Ados acada as 628 doazóns de sangue na primeira campaña anual que realizou na factoría de Stellantis Vigo

A fábrica viguesa desenvolveu durante a segunda quincena de xaneiro e principios de novembro a primeira das catro visita anuais que as unidades móbiles da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue realizarán durante o 2024

A primeira campaña de doazón de sangue do ano 2024 que a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), efectuou nas instalacións de  Stellantis Vigo, saldouse cunha magnífica participación de 628 profesionais que doaron sangue, e que significa ter alcanzado a cifra de 74.919 doazóns acumuladas dende o ano 1995, data na que comezaron as colectas de sangue neste centro.

Ao respecto, a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue quere poñer en valor a colaboración dun  dos centro fundamentais do aparello produtivo de Galicia que, dende sempre, amosou a súa  implicación coa sociedade galega e co altruísta xesto da doazón, tanto de sangue coma de órganos.

29 anos de xenerosidade

Dende o ano 1995, a factoría de Stellantis Vigo comezou a albergar campañas de doazón de sangue promovidas dende a Consellería de Sanidade e que, no presente, afianzan a esta empresa como un referente no ámbito nacional, sendo a compañía española con maior número de doazóns. Subliñar que grazas a xenerosidade dos 628 profesionais da empresa viguesa que doaron sangue nesta primeira campaña anual promovida por ADOS, dos cales 48 foron novos doantes, poderán realizarse, por exemplo, máis de 310 intervencións cirúrxicas ou transfundir plaquetas a preto de 130 enfermos oncolóxicos.

Sensibilización e colaboración

ADOS quere salientar a participación e compromiso de Stellantis Vigo co desenvolvemento das campañas de doazón de sangue, unha vez máis, a xenerosa colaboración ofrecida por esta empresa a prol do solidario xesto da doazón de sangue. Esta longa traxectoria de colaboración ten permitido que, nos últimos 29 anos, a factoría viguesa acumule unha cifra moi próxima ás setenta e cinco mil doazóns, o que a sitúan como referente social de primeira liña no campo do altruísmo. Por iso, lembrar que que Stellantis Vigo e os seus profesionais foron distinguidos pola Xunta de Galicia, o pasado 23 de xaneiro, por toda esta solidariedade amosada durante case tres décadas.

Ao mesmo tempo, a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue quere agradecer o seu compromiso e colaboración á Dirección do Grupo Stellantis de Vigo e de todos os departamentos que integran a empresa, facendo, como non podía ser doutro xeito, extensivo este agradecemento a todos os traballadores e traballadoras que doan sangue.