Terán lugar os días 1, 2 e 3 de marzo no Pavillón de Deportes

O cribado PCR que o Sergas vai realizar ao alumnado do campus de Vigo cambia de datas. Se ben estaba previsto que as probas se realizasen entre o sábado 27 e o domingo 28 de febreiro e o luns 1 de marzo, finalmente terán lugar entre o luns 1 e o mércores 3 de marzo. Os 14.000 estudantes convocados están a ser citados polo Sergas para realizar os test no Pavillón de Deportes en horario de 09.00 a 21.00 horas ao longo deses tres días.

Con este cambio, trasladando as probas a días lectivos, preténdese chegar ao maior número posible de estudantes e evitar tamén problemas de transporte ao campus en fin de semana. Para facilitar a mobilidade, as liñas habituais de Vitrasa xa estarán operativas o luns, coincidindo co regreso ás clases presenciais tras comezar o cuadrimestre en modalidade virtual.

Mantéñense as datas en Ourense e Pontevedra

Nos campus de Ourense e Pontevedra mantense a planificación inicial. Así, na cidade das Burgas os test realizaranse no Pavillón de Deportes do campus o sábado 27, en horario de 09.00 h a 14.00 h, e o domingo 28, en horario de 09.00 a 14.00 h e de 15.00 h a 20.00 h. con preto de 5000 estudantes convocados

En Pontevedra as probas terán lugar a vindeira semana, os días 1 e 2, e realizaranse na Facultade de Ciencias de Educación e do Deporte, en horario de 09.00 a 21.00 horas, con arredor de 4000 estudantes convocados.

As probas serán, nos tres campus, por vía nasofarínxea e o resultado obterase nuns 15 minutos. Ademais, no campus de Vigo realizarase unha proba dobre de antíxenos e PCR pero coa mesma extracción. A convocatoria será realizada polo Sergas mediante un SMS enviado aos teléfonos móbiles do alumnado.

Probas para PAS e PDI

Paralelamente, e de cara a poder realizar unha volta á docencia presencial coa maior seguridade posible, a Universidade de Vigo tamén está a realizar probas de detección da covid-19 a todo o seu persoal, similar ao que se desenvolveu ao inicio do curso. Trátase dun cribado de pooling PCR por saliva entre o persoal PAS, PDI e alumnado de prácticas de algúns centros, que xa arrancou esta mesma semana e se estenderá tamén á próxima.

Cada traballador ten a súa disposición un tubo para a recollida das mostras no centro que se lle comunique a través dun correo da Vicerreitoría de Planificación. A mostra debe tomarse á primeira hora da mañá antes do almorzo, non debendo inxerir previamente ningún produto (pasta de dentes, colutorio…) antes da súa realización.