Abre á circulación o túnel Túnel de Lepanto

Conecta o centro da cidade coa autoestrada AP9 desde a contorna de Vialia

Abel Caballero, acompañado de parte do seu equipo de goberno, participou este luns na posta en funcionamento do túnel de Lepanto que conecta o centro de Vigo coa autoestrada AP9, substituíndo o antigo paso elevado sobre a rúa Alfonso XIII. “É unha obra da maior envergadura”, dixo en rolda de prensa ante os medios de comunicación, “que vai dar unha enorme fluidez ao tráfico no centro da cidade”.

Tal e como expuxo, o túnel ten 250 metros de longo e un tramo en superficie na conexión coa autoestrada, presenta unha pendente destacada e servirá para “dar calidade, seguridade e rapidez ao tráfico”. Sendo “completamente autónomo”, conecta a cidade coa autoestrada formando parte do “complexo sistema de comunicacións” na contorna da estación de Urzáiz onde haberá outro túnel que conduce desde a autoestrada aos aparcamentos de Vialia e que permitirá o acceso dos camións de mercancías ao centro comercial. Ademais, hai unha entrada e saída en superficie á estación de autobuses.