Preto de 900 persoas participaron no curso pasado nos tres campus

As opcións que a Universidade de Vigo ofrece para practicar deporte son múltiples e variadas, dende programas no medio natural, como os Roteiros Culturais ou Augaventura, ata as escolas deportivas, as actividades dirixidas ou as ligas universitarias. Estas últimas teñen actualmente o prazo de inscrición aberto, ata o 2 de outubro, para as sete modalidades nas que se organiza competición nos tres campus.

A través desta proposta, a Área de Benestar, Saúde e Deporte trata de dar resposta ao interese polos deportes de equipo ao tempo que se fomentan valores como a deportividade e o compañeirismo. De feito, a acollida destas ligas é moi elevada ano tras ano, e no curso pasado foron preto de 900 as persoas que optaron por esta actividade.

De cara a este novo curso, os equipos estarán compostos exclusivamente por persoas pertencentes á comunidade universitaria da UVigo, pero tamén existe unha bolsa de xogadores para aquelas persoas que desexen participar nalgunha das competiciónd pero non teñan equipo.

En total, as Ligas Universitarias comprenden as modalidades de baloncesto mixto, balonmán, en categorías masculina e feminina, fútbol 7 mixto, fútbol sala tanto masculino como feminino, rugby 7 tamén masculino e feminino, tenis mixto, só no campus de Vigo e voleibol mixto. O regulamento destas competicións inclúe un sistema de puntuación fair play que promove o xogo limpo e castiga a falta de deportividade.

30€ por equipo

A inscrición, que se debe formalizar a través do Campus Activo, ten que realizala a persoa delegada do equipo. Unha vez rematado este trámite, o programa proporcionaralle un código de equipo que será o que teña que utilizar despois cada xogador/a para facer a súa inscrición individual no mesmo. A taxa de inscrición por equipo é de 30€, excepto na liga de tenis, que é de balde. 

Os equipos deberán ter inscrito o número mínimo de xogadores establecido para cada modalidade deportiva antes da data de remate do período de inscrición ou quedarán excluídos da mesma. Poderase elixir horario de mañá (10 e as 14 h) ou tarde (14 e 19 h) e os equipos que xa participaron na temporada pasada deberán conservar o seu nome se queren inscribirse na división que por méritos lles corresponde.

Ademais, cada xogador ou xogadora poderá inscribirse como máximo en dous equipos de distintas modalidades deportivas, sempre e cando sexan horarios compatibles, pero durante a fase de campus unha persoa soamente poderá participar nun único equipo da mesma modalidade deportiva. Cada campus e cada modalidade deportiva terá o seu propio sistema de competición adaptado ao número de equipos finalmente inscrito. Ao remate das fases de campus, os equipos mellor clasificados en cada modalidade deportiva competirán entre eles na Fase Final Intercampus que este curso celebrarase no campus de Vigo.

Unha alternativa para as persoas sen equipo

Para aquelas persoas que queiran participar nunha destas ligas pero non teñan equipo, a Área de Benestar, Saúde e Deporte puxo en marcha unha bolsa de xogadores e xogadoras, que permite que os equipos xa inscritos se poñan en contacto con estas persoas co obxectivo de incorporalas ao seu cadro de deportistas.

900 participantes no pasado curso 

As ligas universitarias son unha das propostas da Área de Benestar, Saúde e Deporte que teñen máis aceptación entre a comunicade universitaria. No curso pasado foron 879 as persoas que participaron nalgunha das competicións dos tres campus. Vigo foi o que contou con máis xogadores e xogadoras, un total de 420, divididos en 48 equipos de seis deportes. O fútbol mixto foi o máis numeroso, con 16 equipos e 256 inscritos, seguido do fútbol sala, con 84 participantes de sete equipos e do baloncesto mixto, deporte que elixiron 48 persoas que se repartiron en catro equipos. As ligas en Vigo completáronse cun equipo de fútbol sala feminino e 20 persoas que optaron polo tenis. 

Pola súa banda, no campus de Pontevedra foron 252 as e os participantes, sendo o fútbol 7 mixto o deporte maioritario, con nove equipos, seguido do fútbol sala masculino con oito. Outros dous equipos foron de baloncesto mixto, xunto cun de rugby7 masculino e outro de voleibol mixto. Finalmente, no campus de Ourense no curso pasado houbo un total de 207 xogadores e xogadoras distribuídos en 6 equipos de fútbol 7 (96 persoas) e 10 equipos de fútbol sala (111).