Abel Caballero valora 2023: “foi o mellor ano da historia da cidade”

O rexedor fixo este venres balance do seu goberno ao longo de 2023, un ano que considera como o “mellor da política municipal da historia da cidade cunha grande diferencia sobre calquera outro ano”

Unha das decisións máis destacadas de 2023 para o alcalde é a aprobación provisional do Plan Xeral de Ordenación Municipal “un gran plan baseado en vivenda accesible para a xente, vivenda sen especulación, cunha gran ampliación de zonas verdes e dotacionais”. O novo PXOM foi aprobado co 70% dos votos a favor e o 20% de abstencións, “un dato moi importante”, recalcou.

Ademais, valora a aprobación do “orzamento máis importante da historia da cidade” con 25 millóns de euros máis de gasto que o ano anterior e “unha enorme capacidade de actuar para o próximo ano”. Apuntou que Vigo ten “débeda cero e pagamos aos provedores en entre 8-9 días” situándonos entre os dez municipios que máis rápidos de España para “facilitar a economía, mantendo a presión máis baixa de Galicia e das máis baixas de España”.

Da área de Fomento destaca Caballero cinco obras deste ano que remata: o ascensor Halo, a bancada de Marcador Centenario, a nova Porta do Sol, a nova potabilizadora do Casal ou as ramplas da Gran Vía. Dentro do programa de mobilidade Vigo Vertical puxo en valor as ramplas do Centro de Saúde de Teis, a escaleira mecánica da rúa Talude, a rampla da rúa Carral ou o ascensor da Praza Estación-Urzáiz e citou os mecanismos que están en proceso: o ascensor e a rampla entre Travesía de Vigo e Aragón, as ramplas Ramón Nieto ao Centro Saúde de Lavadores e ao Ceip Fonte Escura, as ramplas da rúa Escultor Gregorio Fernández, as ramplas que conectarán a zona de Gandarón e Severino Covas con Ramón Nieto a través do Colexio Losada. Este ano finalizaron varias humanizacións: Paseo de Bouzas, Vía Verde, rúa Romil Fase I, a Praza Francisco Fernández del Riego, García Barbón entre Rosalía de Castro e Isaac Peral, Martínez Garrido Fase IV, Gregorio Espino Fase IV, Aragón Fase VI, ulia Minguillón e Vista Alegre, Colombia Fase II, a mellora da seguridade do Túnel de Beiramar, a Praza da Miñoca, a rehabilitación do Centro Formación da Rúa Alta, a Escola Infantil Praza Industria, Hispanidade entre Amor Ruibal e Feliciano Rolán, o novo Parque de Bombeiros e Protección Civil, o remate das obras da contorna de Vialia, a estrada provincial Porto-Beade – A Garrida, Teixugueiras, Pablo Iglesias e o Parque de Navia. Ademais, remataron as obras de cubrición dos colexios Javier Sensat, Frián Teis e da Escola Infantil da Praza da Industria. No rural, o goberno municipal acometeu obras en máis de 500 ámbitos de actuación e o total investido en humanizacións no ano 2023 ascendeu a 116 millóns de euros.

Máis de 22.500 persoas atendidas dende a área de Política Social

Abel Caballero puxo en valor o traballo desenvolvido na área de Política Social neste 2023 onde se atendeu a máis de 22.500 persoas e na que se multiplicaron as axudas aos comedores sociais e ao Banco de Alimentos con subas de entre o 40 e o 50% na achega municipal. Amais, destacou a inauguración do Centro Municipal de Formación e Emprego en Rúa Alta, o novo Centro Municipal de Servizos Sociais e Centro multiusos de Rúa Princesa , o programa de Avellentamento Activo, «Vigo, Cidade Amiga dos Maiores», con máis de 7.000 participantes nas distintas actividades; o Servizo de Axuda no Hogar con 1.300 usuarios, os 900 usuarios de Teleasistencia totalmente gratuíta, a mellora do Programa de Coidadores de Barrio, con máis cobertura e novos servizos de acompañamento, o Programa Nadal Inclusivo para persoas maiores e con discapacidade, o servizo de ceas de Nadal para todas as persoas maiores que viven soas ou o novo programa de lecer para persoas con discapacidade, «Vigo Inclusivo», con actividades, talleres e campamentos no verán e nos períodos non lectivos de Semana Santa e Nadal.

Educación

Abel Caballero destacou “a actuación extraordinaria en Educación” con iniciativas como as 925 bolsas de inglés concedidas a estudantes de Vigo para realizar cursos de inglés tanto no Reino Unido como en Irlanda. A estes súmanse os 100 bolseiros da Escola Oficial de Idiomas. O alcalde relatou que 22.976 alumnos de ensino obrigatorio recibiron axudas de 205 euros e que a previsión para 2024 é alcanzar a 28.000 estudantes. “Ningunha cidade de España o fai”, afirmou.

Durante este ano a Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais do Alumnado de Vigo e comarca, FOANPAS, contaron con 642.000 euros achegados polo Concello para comedor así como para actividades extraescolares. As escolas infantís municipais contan con 500 alumnos.

Os cinco centros de ensinos non regrados dependentes da administración local formaron en 2023 a 1.600 alumnos en teatro, artes e oficios, música, Danza e música tradicional. Ao longo do ano que remata 40.000 estudantes participaron no programa “ Vigo Educa”, outros 2.500 escolares gozaron da iniciativa “Visita ou teu Concello”, entre outras actividades. O alcalde apuntou as obras para a nova escola infantil da Praza da Industria, e o mantemento e a conservación de 51 colexios onde cursan estudos 10.000 alumnos.

Musealización dos túneles e a fortaleza do Castro

Do traballo da área de Patrimonio Histórico, o rexedor salientou a musealización dos túneles e as galerías do Castro coa recreación da batalla naval dos túneles e o desenvolvemento dun novo programa de murais que sumará 15 novas obras de arte na rúa. Puxo en valor tamén a “encomiable” política de Igualdade dotada en 2023 con 1,5 millóns de euros.

“A cidade máis limpa de España”

O alcalde destacou as oito vasoiras de platino que recibiu o Concello pola limpeza das rúas e vías e a renovación da frota de vehículos de recollida, das illas de reciclaxe, a implantación da rede de contedores para a recollida selectiva de orgánica. Vigo pode dicir que é a “cidade máis limpa de España e temos un programa de limpeza excepcional”.

O mesmo sucede na área de Parques e Xardíns que seguiu incrementando os seus espazos en 2023 cun proxecto de parque infantil na rúa Portela, un parque biosaudable en Aragón e a tramitación doutro en Castro Castriño ou a execución do parque biosaudable Suso Vaamonde e a licitación das obras de mellora dos parques infantís de Camilo José Cela e Berbés.

Na área de comercio, o goberno municipal desenvolveu este ano unha “permanente promoción do comercio da cidade” e a executou a mellora do Mercado de Teis que seguirá coa reforma dos outros mercados.

Transporte

Caballero destacou a “gran bonificación” do transporte urbano en Vigo, subvencionando entre o Concello e o Goberno de España un euro o prezo ordinario do billete que é de 1,49 céntimos. Sinalou tamén que 45.000 pensionistas viaxan gratis no transporte urbano coa dedicación municipal de 16,5 millóns de euros a este fin, a subvencionar a mobilidade “para que a cidadanía viaxe gratis”.

Nadal como marco do éxito do turismo en Vigo

Para o alcalde o Nadal é un éxito que atrae millóns de visitantes e que repercute na afluencia turística o resto do ano. “Todo o mundo quere ser Vigo”, afirmou o alcalde, que cualificou a cidade como “unha potencia turística ao nivel de Baleares e Canarias, nun país como España que é unha potencia turística mundial”. Deste xeito, celebrou que hoteis, hostalería e comercio vense beneficiados.

Caballero puxo de manifesto o apoio do Concello ao aeroporto de Vigo, coa posta en marcha da promoción turística en Londres e o voo directo Vigo-Londres. Tamén subliñou a importancia da Vigo Film Office, que está a converte a cidade nun plató de rodaxe e aparecer en decenas de episodios do audiovisual mundial.

As festas con unha das cuestións que Caballero tamén quixo destacar no seu balance de 2023, con máis de 600.000 espectadores aos concertos de Castrelos, así como a aposta do Concello pola Reconquista, o Entroido e O Marisquiño, “todo pagado na súa totalidade polo goberno local”.

O Concello de Vigo ten unha aposta decidida pola cultura, co mantemento do MARCO como museo referente e unha rede de museos municipais, “unha das máis importantes de España”. O alcalde quixo subliñar “o éxito excepcional” do programa VigoCultura, que enche con cada obra o Auditorio Municipal.

Referentes en Medioambiente

Vigo ten 12 bandeiras azuis nas súas praias, que gozan da excelencia medioambiental. Tamén 5 sendeiros referentes como naturais dentro do entorno urbano. O alcalde reivindicou a acción municipal de transformar VigoZoo nun aula da natureza.

Balaídos e deporte

En canto ao deportivo, o ano 2023 foi o ano do remate da grada de Marcador e o encargo do proxecto para o novo Estadio Municipal de Atletismo de Vigo en Balaídos. O Concello arranxou pavillóns e campos de fútbol en Samil, Navia, ETEA, Castrelos, Bembrive e Coruxo. O goberno local apoia ao deporte e deporte base, adicando as escolas deportivas municipais 440.000 euros para 5.000 nenos e nenas para todas as disciplinas deportivas. O Concello tamén apoia aos clubs de elite con 522.000 euros, beca a deportistas de elite con 50.000 euros e axuda a entidades deportiva da cidade cun investimento en 950.000 euros. O mantemento das piscinas no ano 2023 acadou un 3,5 millóns.

Emprego

Caballero apuntou que os plans de emprego activados polo Concello conseguiron crear un total de 603 postos de traballo durante o exercicio que remata, aos que hai que engadir “miles que se crean a través dos investimentos e obras públicas”.

No tocante á participación cidadá, o goberno de Vigo destinou 515.000 en 2023 euros a apoiar as actividades desenvolvidas polas asociacións veciñais, que abarcan desde o fomento do asociacionismo a festas tradicionais. Ademais, no Programa de Voluntariado están rexistradas 700 persoas.

Xuventude

A mocidade viguesa contou con 10.000 prazas para participar en distintas actividades como campamentos urbanos ou viaxes. Entre estas atópanse as 4.000 prazas nos campamentos urbanos e realizaron 2.250 visitas guiadas ás Illas Cíes.

Apoio do Goberno de España aos proxectos de Vigo

O alcalde puxo de manifesto a importancia do apoio do Goberno de España á cidade: “Tivemos axudas europeas Next Generation EU, provenientes do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliciencia, para 21 proxectos de inversión en 2023”, enumerou no seu discurso. Amais, Caballero subliñou a importancia doutros proxectos, como a Moi Alta Tensión e o PERTE da Automoción pactado con Stellantis, o PERTE do Naval, bonificación ao transporte público urbano, descontos aos usuarios da AP9, tren media distancia Vigo – A Coruña gratuíto, Avenida de Madrid onde o Goberno de España paga 2/3, o litoral de Samil, as galerías e musealización de O Castro, a saída sur ferroviaria, a liña de alta velocidade Vigo-Ourense por Cerdedo, a autovía en túnel a O Porriño, o apoio á candidatura Illas Cíes – Geoparque Mundial da UNESCO, entre outras

O goberno municipal volveu ter o respaldo da cidade

Abel Caballero agradeceu o apoio obtido nas eleccións municipais e celebrou que a candidatura encabezada por el mesmo obtivera máis do 60% dos votos e o 70% dos concelleiros do Pleno. Tamén celebrou que nas eleccións xerais o PSOE fóra a lista máis votada na cidade.