Abel Caballero resaltou o valor engadido de Conxemar na xeración de emprego durante a inauguración da súa nova edición

O alcalde sinalou que “nun momento de guerra en Europa, Conxemar planta en Vigo a súa bandeira da paz e da cooperación” destacando a importancia para “a economía a presenza de persoas e empresas de tantos países”

O Instituto Ferial de Vigo acolle dende esta mañá unha nova edición da Feira de Produtos do Mar Conxelados (Conxemar), que se inaugurou nun acto no que o rexedor estivo acompañado, entre outras autoridades, polo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, pola Secretaria Xeral de Pesca, Alicia Villauriz; polo presidente de Conxemar, Eloy García, e pola presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.

Caballero comezou sinalando a importancia da reunión inicial de onte da FAO-Conxemar, “na que xunto a profesionais de empresa e da economía, tíñamos unha reunión para falar do que significa o mar e as súas inmensas posibilidades”. O rexedor tamén aproveitou para enfeitizar o papel de Vigo como expoñente “da pesca sostible, sobre a que ninguén nos vai ensinar”, engadindo que “somos a cidade da economía, e serémolo xunto os nosos empresarios e traballadores”. O alcalde tamén recordou durante o seu discurso os tripulantes do Vila de Pitanxo.

Durante a súa intervención o Abel Caballero tamén quixo recalcar o férreo apoio a Conxemar “ante cada intento de competencia desleal”. O rexedor vigués, finalmente, aproveitou para mostrar a súa postura frontal ante a decisión da Comisión Europea sobre a limitación de pesca en augas profundas, sobre a que dixo que “equivócase, tomando unha decisión sen sustento científico”.