Abanca e ATRA renovan o seu convenio de colaboración co acento posto no desenvolvemento de novas alternativas de crédito para facer fronte á situación derivada polo COVID

ABANCA e a Asociación de Empresarios de Talleres de Reparación de Vehículos da Provincia de Pontevedra (ATRA), renovan o convenio de colaboración que manteñen as dúas entidades. O banco e ATRA dan un novo impulso a este traballo conxunto que se compromete directamente coa viabilidade dun sector fortemente afectado pola pandemia da COVID-19 e os seus efectos económicos.

O novo convenio foi renovado esta mañá vía telemática e na sinatura participaron o presidente de ATRA, Enrique Fontán, e o coordinador de Institucional en Vigo de ABANCA, José Luis Romero.

Co novo texto xa en vigor, o banco e a patronal dos talleres de reparación da provincia traballan para facer fronte á situación que está a pasar o sector neste momento. No marco da situación de excepcionalidade sanitaria e económica, o convenio dá entrada ás alternativas oficiais de crédito, tanto a liña ICO COVID-19, como a Igape COVID-19.

Este financiamento oficial súmase ao resto de alternativas dentro do plan de financiamento creado para responder ás súas necesidades de maneira integral. O documento inclúe produtos e servizos que permiten tanto acometer investimentos, como reforzar a competitividade destes proxectos. Así, os empresarios dos talleres pontevedreses contarán con produtos especificamente deseñados, entre os que destacan préstamos persoais e hipotecarios ou leasing mobiliario, con amplos prazos de amortización, posibilidade de carencias e xuros moi competitivos.

A oferta financeira de ABANCA inclúe tamén solucións para as necesidades máis inmediatas e así poder adecuarse ás demandas da actividade diaria. O colectivo terá á súa disposición outros produtos e servizos como pólizas de crédito, liñas de desconto comercial, avais ou corfirming segundo as súas necesidades.

Outro dos puntos clave do convenio son as alternativas de financiamento á disposición dos clientes dos talleres. ABANCA ofrece o seu servizo Aprazos co que aumentar as súas vendas ao ofrecer a posibilidade de financiar compras de xeito sinxelo, rápido e económico. Nesta mesma liña de traballo, tamén conta co servizo ‘Applázame’, que permite unha financiación inmediata e segura dende o móbil. Todo isto sen esquecer a oferta adaptada ao colectivo en materia de TPVs físicos e virtuais, con grandes vantaxes nas tarifas. Do mesmo xeito, os asociados poderán desfrutar das vantaxes do Programa Cero Comisións de ABANCA, que permite deixar de pagar polo mantemento das contas e tarxetas, pero tamén polas transferencias, ingreso de cheques ou outros servizos habituais. ABANCA, ademais, poñerá a súa disposición a banca electrónica, o Bróker Online ou ABANCA Pay.