Desestima o recurso presentado polo Concello de Vigo contra as liquidacións do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar correspondentes ás escolas infantís de Valadares e da rúa Palencia
A delegada territorial, Marta Fernández-Tapias, subliña que os «innumerables recursos sen éxito» presentados pola Administración local impiden a preto de 200 familias viguesas beneficiarse da gratuidade que ofrece o Goberno galego nas escolas infantís
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de dar a razón á Xunta na que supón a cuarta sentenza favorable ao modelo de cofinanciamento das escolas infantís e centros de día en Vigo dependentes do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. Este fallo avala, unha vez máis, a fórmula de cooperación en vigor e desestima o último recurso contencioso-administrativo presentado polo Concello vigués contra as liquidacións do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar correspondentes ás escolas infantís de Valadares e da rúa Palencia.
Ao fío desta nova sentencia, a delegada territorial, Marta Fernández-Tapias, convidou ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, a deixar de presentar recursos sen perspectiva de éxito que impiden a preto de 200 familias viguesas beneficiarse da gratuidade de 0 a 3 anos que ofrece a Xunta nas escolas infantís.
Neste sentido, recordou que as escolas infantís de Vigo non poden ofrecer a medida anunciada porque o Concello non está o día dos seus pagamentos ao Consorcio nunha cantidade que ascende a 400.000 euros.
Cooperación entre administracións
Segundo recolle o alto tribunal, as liquidacións xiradas polo ente autonómico non incorren nas causas de nulidade alegadas polo Concello de Vigo, “toda vez que se trata de asumir o financiamento duns servizos atribuídos pola lexislación autonómica aos entes locais e para cuxa prestación optouse por fórmulas de cooperación” entre administracións.
A resolución sinala que se trata dun servizo de carácter social, en ningún caso educativo como argumenta o Concello de Vigo no seu recurso, cuxa xestión asumiu o Consorcio a instancias da propia Administración local.
O TSXG rexeita tamén que se infrinxa a normativa estatal de réxime local sobre distribución de competencias e a normativa autonómica sectorial reguladora dos servizos sociais, segundo expón o Concello vigués no seu recurso. Esta negativa apóiase en sentenzas do Tribunal Constitucional que deixan claro que “debe excluírse a interpretación de que os municipios solo poden obter competencias propias nas materias enumeradas na Lei de Bases de Réxime Local […], pois semellante prohibición, indiscriminada e xeral, sería manifestamente invasiva das competencias das comunidades autónomas”.
Voluntariedade
O alto tribunal conclúe que a norma trata de articular unha fórmula que permite determinar a contribución de cada administración na prestación dos servizos realizados, en contra do que sostén o Executivo da cidade olívica de que impón unha atribución competencial á marxe da voluntariedade dos entes locais ou que obriga a estes a asumir prestacións propias da Comunidade Autónoma, creando unha fórmula para a obtención dun ingreso non previsto.
Neste sentido, recórdalle ao Concello de Vigo que podería ter manifestado a súa vontade de desvincularse do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, e non o fixo, polo que as liquidación se axustan á aplicación do réxime xurídico de cofinanciamento.
Cómpre lembrar que o modelo de financiamento do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar está vixente desde o ano 2017, foi avalado pola Federación Galega de Municipios e Provincias, e é de aplicación en todos os concellos que o integran.