A Xunta reitera o seu apoio a que Riazor e Balaídos sexan sedes do mundial 2030 e remite aos concellos de Vigo e A Coruña un protocolo de actuacións para garantir a colaboración institucional

O Goberno galego insiste no seu máximo interese en que Galicia poida acoller algún dos encontros do campionato

Tanto Riazor como Balaídos deben afrontar reformas para cumprir cos requisitos que esixe a FIFA

A Xunta acordou hoxe remitir aos concellos de Vigo e A Coruña os protocolos xerais de actuación que garantirán a colaboración institucional do Goberno galego no caso de que algunha das dúas cidades sexa designada finalmente sede do Mundial que se celebrará no ano 2030.

- Publicidad -
Centaurus Box Vigo Cross Training

Desta forma, se confirma o apoio da Xunta a que os estadios de Riazor e Balaídos poidan acoller algún partido do campionato, para o cal é necesario que se acometan obras de reforma para dar cumprimento aos requisitos que esixe a FIFA.

En virtude dos textos remitidos esta mañá, os concellos de Vigo e A Coruña comprométense a trasladar a Xunta, cando exista, toda a documentación técnica, económica ou de calquera índole referente ás obras que se necesitan realizar nos estadios, así como toda a información que reciban das federacións de fútbol.

Pola súa banda, a Xunta reitera o seu compromiso para colaborar economicamente coas reformas e tamén se compromete a solicitarlle ao Goberno de España a cualificación do Mundial como acontecemento de especial interese público, o que suporía beneficios fiscais para calquera outra entidade que poida colaborar con este evento.

Cómpre lembrar que, hai ano e medio, en setembro do ano 2022, o Consello da Xunta xa deu conta do apoio ás dúas candidaturas galegas para ser sede do Mundial de Fútbol 2030. Daquela aínda non estaba confirmado que España (xunto a Portugal e Marrocos) fose a ser sede do evento, pero a Xunta xa tiña entón comprometido o seu aval ás dúas cidades. Para poder acoller algún dos encontros do Mundial, tanto Riazor como Balaídos, ambos de titularidade municipal, deben afrontar reformas para cumprir cos requisitos que marca a FIFA.