A Xunta ratifica o convenio para potenciar o desenvolvemento do IIS Galicia Sur

Supón un paso decisivo para encarar a recta final da acreditación do IISGS polo Instituto de Salud Carlos III

Consellería de Sanidade, Sergas e Universidade de Vigo comprométense no convenio a impulsar a investigación biosanitaria  na área sur de Galicia con achega de infraestruturas e instalacións

O Consello Reitor, presidido polo conselleiro Julio García  Comesaña, celebrou unha reunión na que o director científico presentou o informe de actividades de 2020

Impulsar e potenciar o desenvolvemento do IIS Galicia Sur. É o principal obxectivo do convenio que asinaron esta mañá, no Hospital Álvaro Cunqueiro, o conselleiro de  Sanidade, Julio García  Comesaña; o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; e o xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente, como representante da Fundación Biomédica Galicia Sur.

A ratificación do convenio por parte da Xunta supón un paso decisivo para encarar a recta final da acreditación do IIS Galicia Sur por parte do Instituto de Salud Carlos III, obxectivo que persegue desde hai anos.

O documento, que reforza a parte xurídica e de xestión do Instituto, xestouse nos últimos meses e vén renovar o anteriormente existente. O documento serve para sentar as bases da nova política de investigación, así como para adaptar as estruturas e os obxectivos á realidade científica actual e futura. Ten unha vixencia de catro anos, con posibilidade de ser prorrogado.

Nun anexo ao texto do convenio se deglosan as infraestruturas que achega cada un dos asinantes do convenio. Unidades de  Microscopía, Xenómica, de Cultivo Celular, Metodoloxía e Estatística, Biobanco e laboratorios son as achegas do Sergas. A universidade, pola súa banda, inclúe as instalacións tanto do  CACTI como do  CINBIO. Pola súa banda a Fundación Biomédica Galicia Sur achega todo o persoal e traballo de xestión. 

Crecemento de actividade de 2020

Posteriormente á firma do convenio reuniuse o Consello Reitor do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, presidido polo conselleiro e do que é vicepresidente o reitor.

No transcurso da sesión o director científico do  IISGS, José Ramón Fernández Lorenzo, presentou aos membros do consello unha síntese das principais actividades realizadas ao longo do exercicio de 2020. A pesar da situación de pandemia, que tamén afectou a diferentes ramas da investigación biomédica, o crecemento do Instituto foi constante no tempo.

Fernández Lorenzo explicou, entre outros, os datos dos 432 artigos científicos  indexados en distintas publicacións científicas, cun factor de impacto acumulado de 2.452, sensiblemente superior ao de exercicios anteriores.

Foron 136 os proxectos de investigación activos, así como 441 os estudos clínicos, dos que 123 foron asinados durante ese ano. No Instituto, dunha ou outra forma, traballan para a investigación 873 persoas, Delas, 358 son homes e o resto, 515, mulleres.

Incorporacións ao Consello Reitor

Na mesma reunión deuse a benvida aos novos vogais do Consello Reitor, que queda composto polo conselleiro de Sanidade, Julio García  Comesaña, como presidente e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, como vicepresidente.

Como vogais do consello están o xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente; o xerente da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS), Antonio Fernández-Campa; o director científico do  IISGS, José Ramón Fernández Lorenzo; a directora da Fundación Biomédica Galicia Sur, Beatriz Gil de Araújo; e os facultativos Alberto Fernández Villar, da Área Sanitaria de Vigo, e Juan  Turnes, da Área Sanitaria de Pontevedra e Salnés. Por parte da Universidade de Vigo son vocais María Belén Rubio, vicerreitora de Investigación; Miguel Ángel Correa, director do  CINBIO; África González, do departamento de  Inmunología, e David Posada, investigador principal (IP) do grupo de Xenómica e Biomedicina.