Trátase da convocatoria de 23 prazas sanitarias de difícil cobertura en Atención Primaria, 8 de facultativos especialistas e 15 de pediatras, e 39 de especialistas en saúde mental
A convocatoria de máis de 400 prazas, avanzada este mes polo presidente da Xunta, realizarase ao abeiro da Lei 2/2022 de medidas extraordinarias para a provisión de postos de difícil cobertura
Esta Lei permite a convocatoria mediante concurso de méritos, sen oposición, de prazas en propiedade en categorías como facultativo especialista de atención primaria e pediatría de atención primaria, as especialidades médicas dos hospitais comarcais ou as prazas sanitarias vinculadas ao Plan de Saúde Mental de Galicia
O xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente, informou esta mañá da próxima convocatoria, pola vía de concurso de méritos, de 62 prazas de especialistas para os centros sanitarios. En concreto, son 23 prazas de Atención Primaria e 39 de especialistas de saúde mental. O xerente fixo este anuncio tras unha visita o centro de saúde de Pintor Colmeiro, no que estivo acompañado pola xefa deste servizo de Atención Primaria, Rosa Rodriguez Ferro.
Esta iniciativa repite a convocatoria posta en marcha o pasado ano pola Xunta de Galicia para facilitar o acceso de persoal médico de atención primaria a áreas de difícil cobertura por parte deste persoal, o que permitiu dotar de mais dun centenar de médicos titulares os centros de saúde galegos. Deles, 14 incorporáronse aos centros da área de Vigo.
En relación coas prazas de Atención Primaria, o xerente precisou que correponden a 8 de facultativos especialistas e 15 de pediatras e que con esta nova convocatoria haberá prazas ofertadas na maioría das comarcas que están dentro da área viguesa, como a do Morrazo, O Condado, A Paradanta, O Baixo Miño, e na propia cidade de Vigo. Neste senso, ofertaranse as 8 prazas de persoal médico nos seguintes centros de saúde: 2 en Redondela; 1 en Moaña; 1 en Aldán/Hío; 1 en Arbo; 1 en Covelo; 1 en Pazos de Borbén/Fornelos e 1 en Ponteareas.
En canto ás de pediatría, a oferta corresponde aos seguintes centros de atención primaria: 2 en Rúa Cuba; 1 en Pintor Colmeiro; 1 en A Dobrada; ; 2 en Ponteareas; 1 en Cañiza; 2 en Tui; 1 en Tomiño; 1 en Redondela; 1 en Mondariz (Covelo); 1 en Cangas e 2 en Moaña.
No referido ás prazas convocadas para saúde mental son 11 de facultativos/as de psiquiatría, 6 de psicólogos/as clínicos e 20 de enfermeiro/a especialista en saúde mental.
Garantir a estabilidade na atención médica
Esta convocatoria, de máis de 400 prazas, que avanzou este mes o Presidente da Xunta, Alfonso Rueda, se realizará ao abeiro da Lei 2/2022 de medidas extraordinarias para a provisión de postos de difícil cobertura, prazas que quedan desertas nos concursos de traslados, aprobada o pasado outubro polo Parlamento de Galicia e que permite a convocatoria, mediante concurso de méritos (é dicir, sen oposición), de prazas en propiedade en categorías como facultativo especialista de atención primaria, pediatría de atención primaria, as especialidades médicas dos hospitais comarcais ou as prazas sanitarias vinculadas ao Plan de Saúde Mental de Galicia.
Segundo explicou o xerente Javier Puente “a necesidade de dotarse de máis recursos humanos e cubrir prazas vacantes en zonas de difícil cobertura da comunidade motivou que a Xunta de Galicia impulsara esta medida lexislativa, que incentiva a provisión destas prazas ao ofrecer a maior estabilidade, cunha praza fixa en propiedade, co sistema de acceso máis sinxelo. Isto é, con esta medida trátase de garantir a estabilidade da atención médica de primaria nos vindeiros dous anos, xa que este persoal fixo non se moverá nin nas ofertas públicas de emprego nin nos concursos de traslados.”
Galicia, pioneira na selección por concurso de méritos
O novo sistema para a selección do persoal médico, un proceso iniciado por Galicia e pioneiro en España, aposta polo concurso de méritos para a cobertura, con praza fixa, dos postos máis difíciles de cubrir. Trátase dun sistema máis áxil, que permitie incorporar facultativos de xeito urxente, estable e permanente aos hospitais, Puntos de Atención Continuada e centros de saúde con maiores carencias de profesionais.
Ademais, os residentes MIR destas especialidades que terminen a súa formación en maio poderán optar a estas prazas e ser persoal fixo neste mesmo ano, ao permitírselles inscribirse con carácter previo e acreditar o título da especialidade unha vez a rematen. A Xunta prevé resolver o concurso á volta do verán e as condicións para os adxudicatarios serán a de permanecer en activo nelas durante un mínimo de 2 anos.
Esta necesidade de incentivar as prazas de difícil cobertura fora xa obxecto dun acordo do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde aprobado por unanimidade en abril de 2018 no que se establecía a necesidade de reformar a lexislación do Estatuto Marco do persoal estatutario dos servizos de saúde a tal efecto, un acordo que permanece incumprido desde entón. Do mesmo xeito, o impulso do sistema de concurso para a selección de persoal sanitario especialista é unha recomendación incluída no ditame da Comisión para a reconstrución social e económica creada no Congreso dos Deputados, que continúa sen cumprirse por parte do Goberno de España dous anos despois da aprobación dese ditame.