As obras inclúen novos pasos de peóns e a ampliación das beirarrúas entre A Carrasqueira e A Calzoa
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, visitou este luns as obras de mellora da mobilidade peonil na rúa Canido (PO-324), executadas pola Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), dependente da Consellería de Vivenda e Infraestruturas.
Durante a visita, Ortiz destacou que os traballos avanzan a bo ritmo e que teñen como obxectivo incrementar a seguridade viaria con novos pasos de peóns. Hai uns meses xa se ampliaran as beirarrúas da marxe esquerda entre o cruce da rúa da Carrasqueira e a baixada á praia da Calzoa, onde existe unha parada de bus urbano.
Estas actuacións forman parte do compromiso da Xunta coa mellora da accesibilidade e da seguridade peonil nas estradas autonómicas que atravesan zonas urbanas de Vigo.

