A Xunta licita por 2,3 m€ a instalación de novas defensas verticais e escalas nunha trintena de peiraos

O investimento destínase aos peiraos de atracada de Burela, Cedeira, Pontedeume, Sada, Lorbé, San Pedro de Visma, Suevos, Malpica, Santa Mariña (Ponteceso), Corme, Laxe, Camelle, Cee, O Pindo, Muros, O Freixo, Portosín, Cabo de Cruz, Bodión, Rianxo, Tragove, O Grove, Bueu, Cangas, Moaña, Meira, San Adrián, Baiona e A Guarda

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, vén de iniciar o procedemento de licitación das obras de mellora de defensas e medios de amarre nunha trintena de peiraos de actividade pesqueira de todo o litoral galego. Esta actuación sae a concurso cun orzamento base de licitación de 2,3 millóns de euros.

Os documentos e pregos do concurso están dispoñibles para os interesados na plataforma de Contratos de Galicia, no perfil do contratante, e na páxina web oficial de Portos de Galicia, www.portosdegalicia.gal. Os licitadores terán de prazo ata o día 31 de xaneiro para presentar as súas ofertas.

O obxecto das obras proxectadas é mellorar as condicións de amarre das embarcacións, xa que as defensas protexen e absorben o impacto de colisións barco-peirao durante o amarre das embarcacións. Ademais, a distribución das defensas favorece un mellor aproveitamento das zonas de atraque. Por este motivo instalaranse preto de 2.000 metros de novas defensas verticais de caucho para distintas cargas e máis de 100 escalas de gato de aceiro inoxidable. Ademais melloraranse 340 defensas de rosario existentes e instalaranse 10 bolardos de amarre de fundición para 30 e 15 toneladas. En concreto, as obras abarcan a dous portos da Zona Norte (costa cantábrica), que son Burela e Cedeira; 18 da Zona Centro (litoral atlántico da provincia da Coruña), en concreto  Pontedeume, Sada, Lorbé, San Pedro de Visma, Suevos, Malpica, Santa Mariña (Ponteceso), Corme, Laxe, Camelle, Cee, O Pindo, Muros, O Freixo, Portosín, Cabo de Cruz, Bodión e Rianxo; e 9 da Zona Sur (provincia de Pontevedra), que son Tragove, O Grove, Bueu, Cangas, Moaña, Meira, San Adrián, Baiona e A Guarda.