A Xunta lembra as recomendacións para evitar a proliferación do mosquito tigre nas áreas afectadas ante o posible aumento da presenza neste mes

No que vai de ano 2024 reportouse a presenza do mosquito tigre en tres concellos: Moaña, Vigo e Cangas

A Consellería de Sanidade celebrará o próximo día 23 unha xornada de presentación dos informes da Rede Galega de Vixilancia de Vectores (Regavivec)

O Comité técnico do mosquito tigre celebrou nos últimos días a súa última reunión coa participación dos integrantes da rede Regavivec, diferentes organismos da Xunta, Sanidade Exterior, Deputación de Pontevedra e os concellos de Moaña, Vigo e Vilaboa

A Consellería de Sanidade lembra que, tal e como ocorreu o ano pasado, no mes de setembro agárdase unha maior proliferación do mosquito tigre (Aedes albopictus), ao igual que acontece noutras zonas de España debido á climatoloxía da época. Por iso, recórdase que a maneira máis efectiva de evitar esta proliferación é impedir a posta de ovos e o crecemento das larvas con pautas sinxelas como eliminar puntos de auga estancada en bebedeiros de animais e mascotas, pratos baixo macetas, caldeiros á intemperie ou embarcacións. Conséguese co seu simple baleirado ou coa renovación da auga cada 4-5 días.

A presenza do mosquito tigre notificouse por primeira vez en Galicia a principios de agosto do ano 2023 no concello de Moaña e posteriormente atopáronse exemplares nos concellos de Vigo, Cangas, Redondela e Vilaboa. A importancia deste vector, ademais das súas molestas picadas, é que é un potencial transmisor dos virus de enfermidades como o dengue, o Zika ou o chikungunya aínda que actualmente en Galicia o risco de contraer estas enfermidades é moi baixo.

Recoméndase á poboación da zona afectada o mantemento dunha boa hixiene persoal e o uso de repelentes eficaces para minimizar o risco de picadas, xa que son, en xeral, moi molestas e poden producir reaccións alérxicas.

Ao longo deste ano reportáronse exemplares, ben pola aplicación Mosquito Alert, ou ben recollidas pola Rede Galega de Vixilancia de Vectores (Regavivec) nos concellos de Moaña, Vigo e Cangas polo que parece que se está a estabilizar a súa presenza nesta zona.

Así se puxo de manifesto na última reunión do Comité técnico do mosquito tigre celebrado a semana pasada. A este Comité asistiron profesionais da Dirección Xeral de Saúde Pública do ámbito da epidemioloxía e saúde ambiental, investigadores expertos en entomoloxía da USC e UVigo, representantes de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, de Emerxencias 112-Galicia, da área sanitaria de Vigo, da Dirección Territorial de Sanidade de Pontevedra, da Deputación de Pontevedra, de Sanidade Exterior e dos concellos de Moaña, Vigo e Vilaboa. Non estiveron presentes nin o concello de Cangas nin o de Redondela.

Nesta xuntanza tanto a Dirección Xeral de Saúde Pública como membros da Regavivec informaron do estado actual da situación do mosquito aedes albopictus en Galicia e das novidades e futuras actuacións no eido da formación e información á cidadanía e aos colectivos implicados. Así mesmo, foron expostas polos participantes no comité as actuacións que se levaron a cabo desde a anterior reunión no mes de xullo segundo as súas competencias.

Xornada sobre mosquitos e carrachas

Dentro das campañas de información e formación que está a realizar a Dirección Xeral de Saúde Pública, celebrarase o próximo 23 de setembro, na Consellería de Sanidade, a I Xornada da Rede Galega de Vixilancia de Vectores, na que se van presentar os informes do ano 2023 da vixilancia, tanto de mosquitos como de carrachas.

Esta xornada, organizada a través da Escola Galega de Saúde Pública, contará con expertos da Axencia de Saúde Pública de Barcelona, con grande experiencia na vixilancia e control do mosquito tigre nunha zona onde xa apareceu hai máis de 20 anos, así como expertos en saúde pública, en medicina preventiva, en entomoloxía ou en sanidade animal. Á xornada foron convidados diferentes colectivos colaboradores implicados na vixilancia e control destas enfermidades como persoal dos concellos, persoal inspector de saúde pública e de medio rural, persoal sanitario ou de protección civil.