A Xunta impulsa en Vigo dúas novas edicións de ViaGalicia

Os proxectos seleccionados obterán unha axuda da Axencia Galega de Innovación e préstamos participativos de XesGalicia e de Vigo Activo

Desde a súa posta en marcha, ViaGalicia facilitou a creación de 78 novas empresas, a xeración de máis de 500 postos de traballo, a facturación de máis de 35 millóns no último ano e a captación ata a data máis de 55 millóns en roldas de financiamento

O Consello da Xunta coñeceu hoxe o novo convenio que permitirá seguir impulsando a aceleradora ViaGalicia e continuar reforzando así o ecosistema emprendedor galego con novos proxectos e iniciativas empresarias. Para acadar este obxectivo, a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación asina un novo acordo co Consorcio da Zona Franca de Vigo e Vigo Activo, que garante o desenvolvemento da 7ª e 8ª edicións desta iniciativa de aceleración de proxectos innovadores que acolle propostas de todos os sectores produtivos.

A través deste programa, que terá lugar en Vigo e en Lugo, dáse soporte e asistencia na súa fase inicial a emprendedores e empresas, ofrecendo capital semente, formación, infraestruturas e asesoramento intensivo. As novas edicións estrutúranse a través de seis fases e contan cun investimento total de 700.000 euros (dos que a Xunta achega o 80%), permitindo apoiar, cada unha delas, 15 proxectos innovadores.

Así, tras a convocatoria inicial seleccionaranse 80 candidaturas. Na segunda fase, chamada Startup Day, seleccionaranse a metade das iniciativas que pasarán á Academia, onde os participantes recibirán formación teórico-práctica sobre como definir os modelos de negocio. Logo desta terceira fase, elixiranse os proxectos que participarán no Demo Day, unha presentación pública na que se seleccionarán un máximo de 15 proxectos aos que se lles ofertará financiamento e a incorporación á aceleradora.

Sobre este punto, cómpre subliñar que as iniciativas obterán unha axuda da Axencia Galega de Innovación (25.000 euros) e préstamos participativos de XesGalicia e de Vigo Activo.

A quinta fase, a de aceleración, desenvolverase en Vigo e brindará o acceso a un espazo de coworking e a posibilidade de realizar parte da titorización nas propias instalacións da empresa, algo especialmente interesante para os proxectos do sector industrial. A última fase denomínase Investors Day, e consistirá nunha presentación dos proxectos a un panel de investidores privados e institucionais.

Desde a súa posta en marcha en 2013, ViaGalicia ten completado un total de 6 edicións facilitando a creación de 78 novas empresas que recibiron máis de 10 millóns de financiamento directo no programa. Deste xeito, creáronse en total máis de 500 postos de traballo, facturando máis de 35 millóns de euros no último ano e captando ata a data arredor de 55 millóns en roldas de financiamento.

Entre os proxectos apoiados destacan os de ámbitos tan diversos como as TIC, a alimentación, a aeronáutica, a biotecnoloxía, o téxtil ou o agro. Así, ao longo destes anos, entre as empresas aceleradas figuran exemplos como RSP, fabricante de máquinas con tecnoloxía aplicada ao deporte de alto rendemento, que contra entre os seus clientes con clubs deportivos nacionais e internacionais de primeiro nivel; Opositatest, compañía que achega servizos especializados para opositores a nivel nacional; Help Flash, empresa que revolucionou os sistemas de sinalización en accidentes de tráfico, e que ten recibido numerosos premios por parte de compañías aseguradoras e clientes do sector dos seguros; Orballo, plantación de té ecolóxica certificada en Galicia e dispoñible xa en máis de 600 puntos de venda en España e México; ou Innogando, que desenvolve solucións tecnolóxicas que outorgan valor engadido ao sector gandeiro.