A actuación permitiu instalar un ascensor e un baño accesible no edificio municipal a través da Orde de infraestruturas de uso público, dotada con 3,5 millóns de euros
A Xunta de Galicia continúa reforzando o apoio aos concellos para mellorar as dotacións públicas e os servizos á cidadanía. A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, xunto coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, visitaron este luns o centro de servizos sociais municipais de Salceda de Caselas para comprobar as obras de mellora da accesibilidade financiadas cunha achega autonómica de case 34.000 euros.
As actuacións realizáronse no marco da Orde de infraestruturas de uso público de 2025, dotada con 3,5 millóns de euros, e centráronse na instalación dun ascensor e dun baño accesible na planta baixa do edificio. O obxectivo, segundo destacou Natalia Prieto, é garantir un espazo funcional e plenamente accesible tanto para as persoas usuarias como para o persoal que presta servizos municipais esenciais.
Neste centro ofrécense prestacións clave como o servizo de axuda no fogar, atención temperá, logopedia, psicoloxía ou asesoramento a vítimas de violencia de xénero, polo que a mellora das condicións de accesibilidade resulta fundamental para asegurar unha atención de calidade en igualdade de condicións.
A directora xeral subliñou que a convocatoria de 2025 da Orde de infraestruturas de uso público deu prioridade ás actuacións relacionadas coa accesibilidade en edificios municipais. De feito, unha de cada tres subvencións concedidas correspondeu a este tipo de proxectos, cun total de 33 entidades locais beneficiarias por un importe superior ao millón de euros. En conxunto, outorgáronse 103 axudas en toda Galicia, das cales 18 corresponderon á provincia de Pontevedra.
Estas subvencións están dirixidas a concellos de menos de 30.000 habitantes, que poden solicitalas de maneira individual ou mediante asociacións ou agrupacións municipais. A Xunta financia ata o 80% do custo das actuacións, cun límite de 40.000 euros nas solicitudes individuais e de 50.000 euros nas conxuntas.
Apoio continuado ao ámbito local
Natalia Prieto destacou que esta liña de axudas forma parte do compromiso do Goberno galego co ámbito local, especialmente cos concellos de menor poboación, para garantir servizos públicos de calidade en todo o territorio. Neste senso, lembrou tamén outras vías de apoio como o Fondo de Compensación Ambiental, dotado con máis de 11,4 millóns de euros, ou o fondo adicional do Fondo de Cooperación Local, cuxa liña de apoio a proxectos estratéxicos acada este ano os 10 millóns de euros.
A través do conxunto destas medidas, o Concello de Salceda de Caselas recibiu nos últimos anos máis de 231.000 euros en achegas da Xunta para a mellora de infraestruturas e servizos municipais.

