A Xunta finaliza as obras da nova senda de Salvaterra de Miño tras un investimento de 1,5 millóns

A delegada territorial, Ana Ortiz, visitou xunto á alcaldesa, Marta Valcárcel, varios dos treitos de senda xa finalizados na estrada PO-402

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, fixo un percorrido este mércores xunto á alcaldesa de Salvaterra, Marta Válcarcel, pola nova senda xa rematada da estrada PO-402 entre Oleiros e Leirado, que supón un investimento de 1,5 millóns de euros por parte do Goberno galego.

Segundo explicou a represetante autonómica, o obxectivo da actuación levada a cabo pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade foi mellorar a mobilidade a pé e o reforzo da seguridade, especialmente dos usuarios máis vulnerables das estradas, peóns e ciclistas. Ana Ortiz indicou que se trata dun itinerario mixto, fundamentalmente de uso peonil, que dará continuidade aos treitos de senda xa executados a través de distintas actuacións levadas a cabo nos últimos anos.

O proxecto supón unha actuación de 4,6 km de estrada, coincidindo cos treitos con vivendas que se atopan entre as parroquias de Oleiros e de Leirado, e mellorando o acceso a zonas de equipamentos como a igrexa e establecementos hostaleiros e de alimentación.

A actuación completa outras obras de mellora da mobilidade peonil executadas con anterioridade para unir Oleiros con Salvaterra a través da PO-400 e da PO-402. A intervención conta con financiamento comunitario dos fondos REACT-EU, de resposta da Unión Europea fronte á pandemia da covid-19.