A Xunta elimina un punto de vertido de augas residuais no núcle urbano de Redondela de cara á Ría de Vigo

O foco, verificado polos técnicos do Plan de Control de Vertidos mediante analítica, tiña a súa orixe nun punto de evacuación de augas pluviais na desembocadura do río Pugariños, na praia de Arealonga

Augas de Galicia notificoulle a situación ao Concello de Redondela para que procedese a adoptar as medidas necesarias para emendar o foco contaminante

Os técnicos da Xunta constataron recentemente que as accións para a conexión á rede de saneamento municipal das acometidas irregulares en varios inmobles do barrio de Pasán permitiron a emenda do vertido

A Xunta eliminou un punto de  vertido de augas residuais no núcleo urbano de Redondela cara á ría de Vigo.

Este foco foi localizado no marco das inspeccións rutineiras levadas a cabo polos técnicos do Plan de Control de Vertidos, dependente de Augas de Galicia, neste municipio pontevedrés.

Os inspectores desprazados á zona identificaron a orixe do vertido, mediante control analítico,  nun punto de evacuación de augas pluviais localizado na desembocadura do río Pugariños, na praia de Arealonga, cara á ría de Vigo.

Augas de Galicia notificoulle a situación ao Concello de Redondela para que procedese a adoptar as medidas necesarias para emendar o foco contaminante. Nunha nova inspección, os técnicos da Xunta verificaron, mediante nova mostraxe, que as actuacións realizadas polo Concello para a conexión á rede de saneamento municipal das acometidas irregulares procedente de varios inmobles do barrio de Pasán permitiron a emenda do vertido.