As mostraxes tomadas constataron un rendemento depurativo insuficiente que orixinaba un vertido ao medio
A Xunta eliminou un punto de vertido de augas residuais no lugar de Donón, no concello de Cangas.
Os técnicos do Plan de Control de Vertidos, tras a notificación do Servizo de Emerxencias 112, efectuaron diferentes inspeccións dun sistema depurativo destinado ao tratamento das augas residuais urbanas do lugar de Donón.
As mostraxes tomadas polo persoal de Augas de Galicia no efluente vertido por este sistema ao dominio público constataron un rendemento depurativo insuficiente que orixinaba vertido ao medio.
Augas de Galicia notificoulle a situación ao Concello de Cangas, que optou pola execución dunha obra destinada á eliminación do vertido procedente da estación depuradora de augas residuais de Donón, mediante a instalación dun novo bombeo.
Este novo bombeo permite a conexión do vertido cara a outro ramal da rede de saneamento municipal de Viñó, co obxecto de que o caudal anteriormente tratado na depuradora de Donón reciba un tratamento depurativo máis eficiente.
Nunha nova inspección á zona, o persoal inspector verificou a posta en funcionamento do novo bombeo e o cese do vertido en condicións inadecuadas que se producía anteriormente ao dominio público.

