A Xunta elimina un punto de vertido de augas residuais no Concello de Mos

Os técnicos do Programa de Control de Vertidos, xunto coa Gardería Fluvial de Augas de Galicia, detectaron a achega cara ao dominio público nunha inspección rutineira

Augas de Galicia requiriulle aos responsables dunha instalación industrial a adopción das medidas correctoras oportunas

Os técnicos da Xunta verificaron recentemente o cese do vertido, tras proceder a empresa á conexión das augas residuais á rede de saneamento municipal

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, eliminou un vertido de augas residuais procedente dunha instalación empresarial do concello de Mos.

Esta achega irregular foi localizada no marco das inspeccións rutineiras levadas a cabo polos técnicos do Programa de Control de Vertidos, xunto coa Gardería Fluvial de Augas de Galicia.

Os técnicos da Xunta identificaron a orixe desta achega irregular no deficiente sistema de tratamento de augas residuais xeradas na actividade diaria, industriais e domésticas, susceptible de producir vertidos en condicións inadecuadas ao dominio público hidráulico.

Ante a deficiencia observada, os técnicos requiríronlle aos responsables das instalacións a adopción das medidas correctoras oportunas co obxectivo de emendar o vertido. Os responsables da empresa procederon á conexión das augas residuais xeradas coa rede de saneamento municipal existente no lugar, como así verificaron os técnicos da Xunta nunha nova inspección, emendando deste xeito o vertido en condicións inadecuadas cara ao dominio público.