Os técnicos do Programa de control de vertidos, dependente de Augas de Galicia, detectaron a incidencia nunha inspección rutineira
A Xunta, a través de Augas de Galicia, contribuíu a eliminar un punto de vertido de augas residuais no concello de A Guarda. O persoal do Programa de control de vertidos constatou esta anomalía no transcurso dos labores rutineiros de inspección que leva a cabo no ámbito territorial dos concellos integrados na Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa.
Os técnicos do ente dependente da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático constataron a existencia dunha deficiencia na infraestrutura de saneamento que discorre pola avenida Fernández Albor, que provocaba un vertido de augas residuais sen depurar ao océano Atlántico. Ante esta situación, trasladouse a incidencia ao Concello da Guarda para que se adoptaran as medidas necesarias para a súa emenda, algo que os técnicos do Programa de control de vertidos, nunha posterior nova inspección, constataron que se realizou, co que se eliminaron os vertidos en condicións inadecuadas.

