Os técnicos do Plan de Control de Vertidos de Augas de Galicia identificaron este foco nunha inspección rutineira na parroquia de Santa Cristina da Ramallosa
Os inspectores requiríronlle ao titular das instalacións das que procedía o vertido a adopción das medidas correctoras oportunas
Augas de Galicia verificou recentemente o cese da contaminación tras a reparación do equipo de control do bombeo das augas xeradas nos aseos cara a rede de saneamento municipal
A Xunta vén de eliminar un punto de vertido de augas residuais domésticas cara ao río da Groba na parroquia de Santa Cristina da Ramallosa, no concello de Baiona.
Este foco foi localizado nunha inspección rutineira levada a cabo polos técnicos do Plan de Control de Vertidos, dependente de Augas de Galicia, nunhas instalacións no lugar do Xuncal.
Os técnicos da Xunta identificaron a orixe do punto de vertido nos aseos das instalacións, observando a deficiencia no sistema de impulsión das augas domésticas xeradas nos aseos das instalacións cara a rede de saneamento municipal.
Ante a deficiencia observada, os técnicos requiriron ao titular das instalacións a adopción das medidas correctoras oportunas a fin de emendar ese aporte. Augas de Galicia verificou nunha recente inspección o cese dos vertidos na zona, tras proceder o titular a reparación do equipo de control do bombeo, ademais de anular a tubaxe que tiña como destino o río.

