A Xunta elimina tres puntos de vertido de augas residuais en Cabral cara ao rego de Pepín

Os técnicos do Programa de Control de Vertidos de Augas de Galicia localizaron o foco no marco das inspeccións de rastrexo no municipio

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, eliminou tres punto de  vertido de augas residuais na parroquia de Cabral cara ao rego de Pepín, no concello de Vigo.

Este foco foi identificado no marco das inspeccións de rastrexo polos técnicos do Programa de Control de Vertidos, dependente de Augas de Galicia.

O traballo dos inspectores da Xunta e a colaboración dos técnicos do Concello de Vigo permitiron identificar as propiedades nas que se orixinaban as achegas irregulares ao dominio público hidráulico.

Para a solución destes focos foi precisa a instalación dun novo colector de saneamento na avenida da Ponte, que permitiu a conexión das vivendas das cales procedían os vertidos á infraestrutura de saneamento municipal.

Nunha nova visita á zona, os técnicos da Xunta verificaron que a execución das acometidas á nova rede permitiron a emenda dos vertidos.