A Xunta e os 12 concellos da área metropolitana de Vigo prorrogan o convenio de transporte por dous anos

A renovación garante o mantemento das bonificacións e supón unha achega anual de máis de 1,3 millóns por parte da Xunta

A contribución municipal será de 354.000 euros anuais, repartidos entre os 12 concellos da área

A Xunta de Galicia e os 12 concellos que integran a área de transporte metropolitano de Vigo acordaron este mércores prorrogar durante dous anos o convenio do Plan de Transporte Metropolitano. O acordo foi adoptado por unanimidade na comisión de seguimento celebrada en Vigo, presidida pola directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, coa participación da delegada territorial en Vigo, Ana Ortiz.

Segundo os datos expostos na reunión, a Xunta achegará máis de 1,3 millóns de euros ao ano, o que representa o 80% do importe total, mentres que os municipios integrantes do plan asumirán os 354.000 euros anuais restantes. A prórroga inscríbese na liña das renovadas o ano pasado nas áreas da Coruña, Ferrol, Lugo e Santiago, cun investimento global superior aos 8 millóns.

O acordo garante a continuidade das bonificacións nas tarifas do autobús metropolitano para viaxeiros de 65 concellos das cinco áreas. No caso da área viguesa, forman parte Baiona, Cangas, Fornelos de Montes, Moaña, Mos, Nigrán, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño e Soutomaior. Vigo non está integrada ao non incorporarse o autobús urbano ao plan autonómico.

A rede de transporte desta área inclúe máis de 280 liñas de autobús interurbano, con máis de 3.000 paradas operativas e máis de 220.000 servizos anuais ao longo de 5,9 millóns de quilómetros. En 2024 rexistráronse máis de 3,7 millóns de viaxes bonificadas, un 6,3% máis que en 2023, e ata setembro deste ano a demanda creceu outro 3,8%.

A través do convenio, a Xunta seguirá financiando o 80% da bonificación no traxecto principal, mentres que os concellos asumirán o 20% restante. Ademais, o Goberno galego manterá a cobertura do 100% dos transbordos e as bonificacións adicionais para usuarios recorrentes (15%) e familias numerosas, de ata o 50%. Dentro desta área tamén se inclúe o transporte de ría entre Vigo, Cangas e Moaña, que supón preto do 40% das viaxes bonificadas.

A veciñanza desta área pode seguir accedendo aos descontos da Tarxeta de Mobilidade de Galicia no transporte interurbano, así como á gratuidade de 60 viaxes mensuais para menores de 21 anos mediante a Tarxeta Xente Nova e para maiores de 65 anos coa Tarifa +65.