A Xunta distingue a Stellantis Vigo e aos seus profesionais pola solidariedade amosada durante 28 anos e chegar a case 75.000 doazóns de sangue

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, entrega á empresa e aos seus traballadores senllos recoñecementos pola súa colaboración nas campañas de doazón de sangue desenvolvidas na factoría viguesa

A fabrica viguesa é, dende hai preto de tres décadas, a empresa española con maior participación nas campañas de doazón de sangue, converténdose nun referente no ámbito estatal

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue distingue aos grandes doantes de Stellantis Vigo e á empresa por alcanzar preto de 75 mil doazóns -Entre as xornadas do 23 ao 25 de xaneiro e 1 de febreiro, un equipo sanitario integrado por preto de 90 persoas e catro unidades móbiles, atenderá a todos os traballadores e traballadoras das quendas de mañá, tarde e noite que desexen participar na doazón

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, visitou hoxe as instalacións da factoría de Stellantis Vigo, para agradecer aos seus profesionais e á dirección da empresa a súa solidariedade e compromiso coas campañas de doazón de sangue, circunstancia que se demostra nas preto de 75.000 doazóns recollidas durante os últimos 28 anos. No transcurso do acto, o titular da carteira sanitaria entregou á empresa e aos seus traballadores senllos recoñecementos pola súa colaboración nas campañas de doazón de sangue desenvolvidas na factoría viguesa. Ademais, outorgáronselle galardóns a 21 traballadores da empresa que colaboraron comprometidos coa doazón de maneira permanente durante todos estes anos.

No acto, o conselleiro estivo acompañado pola delegada da Xunta, Ana Ortiz; pola directora da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue, Marisa López; polo xerente da área sanitaria, Javier Puente; polo director de Stellantis Vigo, Ignacio Bueno; polo director de Recursos Humanos, Pablo Ramos; e polo presidente do comité de empresa, Victor Mera.

Traxectoria solidaria

A colaboración ininterrompida durante 28 anos de Stellantis Vigo permitiu, -segundo subliñou Julio García Comesaña-, a consecución destas case 75.000 doazóns de sangue, pero, en especial, permite a esta empresa galega liderar as iniciativas de amplo calado social que teñen como fin o fomento dunha conciencia social proclive á doazón de sangue.

Neste sentido, lembrar que dende a posta en funcionamento das campañas de doazón de sangue da Consellería de Sanidade por mediación de ADOS nesta empresa viguesa, hai case tres décadas, teñen participado miles de profesionais, circunstancia que pon de manifesto o carácter solidario e xeneroso de Stellantis Vigo, así como a manifesta implicación e colaboración da dirección da empresa.

As unidades móbiles da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) comezaron a desenvolver campañas de doazón nas instalacións de Stellantis Vigo no ano 1995, visitando dende entón en 102 ocasións esta empresa. As preto de 75.000 doazóns realizadas polos seus profesionais supoñen un récord que sitúa á factoría viguesa como a empresa con maior nivel de participación no contexto español.

Campañas anuais

O recoñecemento efectuado hoxe a Stellantis Vigo sitúase dentro da primeira campaña anual de doazón de sangue que desenvolve ADOS no presente exercicio nesta empresa viguesa, e que supón un amplo despregue. Entre as xornadas do 23 ao 25 de xaneiro e 1 de febreiro, un equipo sanitario integrado por preto de 90 persoas e catro unidades móbiles, atenderá a todos os traballadores e traballadoras das quendas de mañá, tarde e noite que desexen participar.

Tanto o conselleiro de Sanidade como a directora da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue,  salientaron o grande esforzo loxístico que leva o desenvolvemento dunha campaña desta dimensión e destacaron a implicación de todos os departamentos de Stellantis Vigo para contribuír ao perfecto  desenvolvemento da mesma.

Deste modo, Comesaña agradeceu a colaboración brindada por todos os departamentos da empresa, en especial, dende á dirección da mesma, recoñecemento que fixo extensivo a todos os traballadores e traballadoras, protagonistas principais do solidario xesto da doazón de sangue. O conselleiro destacou que, coas case 75.000 doazóns recollidas, pódense realizar 37.145 intervencións cirúrxicas. Iso é, 37.145 persoas na que a súa saúde estaba en risco e 37.145 familias angustiadas ás que se axudou de maneira vital con estas doazóns. Supoñen, tamén, por exemplo, transfundir plaquetas a uns 14.860 enfermos de cancro ou leucemia. Esas son 14.860 vidas máis que se beneficiaron deste xesto solidario e insubstituíble.