A Xunta dá un paso máis para impulsar o Campus do Mar na ETEA coa aprobación do proxecto do ámbito promovido polo CSIC

Vista aérea da ETEA.

Tátase do terceiro ámbito que recibe o visto e prace do Consello nos últimos sete meses, e ordena e detalla unha área de ao redor de 16.000 metros cadrados destinada a albergar as novas instalacións do Instituto de Investigacións Mariñas

O Consello da Xunta aprobou hoxe definitivamente o Proxecto sectorial da área científico tecnolóxica 1 (PS-2) do futuro Campus do Mar en Vigo. Con este acordo dáse un paso importante para seguir avanzando no impulso e desenvolvemento deste ambicioso complexo especializado en investigación mariña nos terreos que ocupaba a antiga Escola de Transmisións e Electricidade da Armada (ETEA).

- Publicidad -
Centaurus Box Vigo Cross Training

A decisión permitirá desenvolver unha superficie de algo máis de 16.000 metros cadrados destinada a acoller as novas instalacións do Instituto de Investigacións Mariñas, dependente do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC), organismo que, precisamente, actúa como promotor deste ámbito.

Cómpre lembrar que, debido ao seu carácter estratéxico para o conxunto de Galicia, o Campus Científico-Tecnolóxico do Mar foi declarado de incidencia supramunicipal e en 2012 aprobouse o Plan sectorial de ordenación territorial deste, como instrumento encargado de fixar as condicións particulares para o seu futuro desenvolvemento.

Este plan conta cun triplo obxectivo. Por unha banda, a implantación do novo campus promovido pola Xunta, altamente especializado e chamado a ser un referente internacional no eido da investigación mariña; a ordenación detallada dos usos complementarios abertos á cidadanía, para facelo un espazo máis atractivo e que contribúa á revitalización do barrio vigués de Teis-A Guía no cal se enmarca; e por último, a súa integración nun ámbito de singular valor cultural e paisaxístico, respectando os valores da contorna.

Neste sentido, as antigas instalacións da ETEA ofrecen unha localización idónea para un proxecto desta envergadura, ao tratarse dun conxunto dotado dunha grande autonomía funcional tanto en relación coa cidade de Vigo como cos seus barrios periféricos, ben relacionada cos eixos viarios rexionais e cunhas condicións naturais que a converten en parte relevante da paisaxe da ría e nunha nova oportunidade de abrir a cidade cara ao mar.

Para cumprir con este fin, o Plan sectorial do Campus do Mar prevé o seu desenvolvemento a través de seis proxectos sectoriais, a metade deles promovidos pola propia Xunta, outros dous polo CSIC e a Universidade de Vigo, e un polo Concello de Vigo.

Tras o acordo adoptado hoxe polo Consello da Xunta, o PS-2 convértese no terceiro en lograr a súa aprobación definitiva nos últimos sete meses, unha boa mostra do compromiso do Goberno galego con este ambicioso proxecto que busca a recuperación do complexo da antiga ETEA coa adaptación dos terreos aos novos usos previstos.

O ámbito do PS-2

O proxecto sectorial da área científico-tecnolóxica 1 aprobado esta mañá abrangue un ámbito de 16.042 m2 que está en contacto coa praza de Armas polo noroeste; coa avenida principal da ETEA polo oeste; co ámbito PS-3 B cara ao sur, e co peirao da ETEA e o barrio de Teis cara ao norte e o leste, respectivamente.

O obxectivo neste caso é acondicionar os terreos para permitir o traslado a unhas novas instalacións do centro que ten o Instituto de Investigacións Mariñas (IIM–CSIC) actualmente no barrio vigués de Bouzas, e da Unidade Tecnolóxica Mariña, localizada no Berbés.

O ámbito incluído no PS-2 está parcialmente ocupado por un total de oito edificacións pertencentes ao antigo complexo da ETEA, concretamente os edificios Kelvin, Hertz, Luis Janer, Aulas e exposicións, Ampere, Vivenda do axudante maior, Churruca e Gauss. De todos eles, tras unha análise detallada, o proxecto sectorial prevé manter e rehabilitaroas catro que presentan valores patrimoniais destacables, como o edificio Kelvin, cun grao de protección estrutural no PXOM de Vigo e que o Plan sectorial da ETEA tamén recolle.

A nova ordenación xirará arredor dunha praza interior, que queda conformada polos edificios Hertz -o cal ampliará a súa superficie-, Gauss, Churruca e o novo edificio Ampere. Ao sueste, no lugar onde actualmente hai unhas pistas de tenis en desuso, concentrarase o resto da edificabilidade nun novo edificio; e como elemento estruturante da mobilidade en todo o ámbito desenvolverase unha vía perimetral polos extremos oriental (lindeiro co barrio de Ríos) e sur (en contacto co futuro PS-3B). Os edificios Kelvin e Gauss manterán as súas envolventes e no caso de Hertz e Churruca manteranse tamén as súas fachadas de pedra, aínda que se desmantelará o interior polo seu mal estado de conservación.

Por outra banda, o PS-2 propón a demolición de catro edificios existentes (Luis Janer, Ampere, Aulas e exposicións e a Vivenda do axudante maior) pola súa escasa calidade arquitectónica e construtiva e incompatibilidade co desenvolvemento do programa previsto.

En canto ás zonas de estacionamento, o plan sectorial exixe unha reserva mínima de 42 prazas para este ámbito concreto, no cal se prevén finalmente unhas 200 prazas, mantendo 11 delas na vía pública, reservando dúas para persoas de mobilidade reducida. En canto ao cronograma previsto para o seu desenvolvemento, establécese o prazo dun ano desde a aprobación definitiva do PS-2 para o inicio das obras e de catro anos a partir dese momento para rematar a execución da urbanización.