López Campos anuncia un proxecto que reforzará o valor patrimonial e o compromiso da Xunta coa cidade de Vigo
A Xunta de Galicia porá en marcha o vindeiro ano un concurso de ideas para ampliar o espazo expositivo do Museo do Mar de Galicia, segundo anunciou o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, durante unha visita á finca anexa ás instalacións do museo, acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo.
Un proxecto para poñer en valor o patrimonio arqueolóxico
O conselleiro explicou que esta superficie, situada nas inmediacións do museo, acolle un xacemento arqueolóxico con estruturas tardorromanas e numerosas pezas de cerámica, que poderían corresponder a unha antiga vila vinculada á actividade salgadeira. “Queremos incorporar este espazo ás zonas visitables do museo e sacar o máximo proveito do seu gran potencial cultural e arqueolóxico”, destacou.
O obxectivo do concurso será “atopar a mellor solución para a posta en valor e divulgación dos achados”, co fin de que a ampliación poida executarse de maneira eficaz a partir de 2026.
Compromiso coa cidade e coa cultura marítima
López Campos salientou que esta iniciativa suporá “un importante pulo” para o Museo do Mar de Galicia, ao tempo que “unha demostración máis do compromiso da Xunta coa cidade de Vigo e co desenvolvemento da súa cultura”.
O titular de Cultura lembrou tamén outros proxectos culturais impulsados pola Xunta en Vigo, como a rehabilitación do Teatro Cine Fraga, cuxo plan de usos xa está listo e contará coa dirección do arquitecto César Portela. O obxectivo é que en 2027 a cidade dispoña dun espazo sociocultural pioneiro e referente en Galicia e no noroeste peninsular.

