O Goberno galego garante que o servizo continúe na súa prestación, ata a adxudicación dun novo contrato
O Consello da Xunta abordou onte, na súa reunión semanal, un informe da Consellería de Sanidade, polo que se dá conta da declaración de emerxencia para a contratación do servizo de transporte sanitario non urxente da área de Vigo, por importe de 4.055.279 euros e unha duración inicial de tres meses, coa UTE formada por Emerxencias Sanitarias, SLU e Ambulancias Saluser, SL.
Así mesmo, está prevista a posible prórroga do contrato por outros tres meses e un importe de 3.430.442 euros. Mentres dure este contrato, tramitarase outro novo, mediante procedemento aberto.
Con esta contratación por emerxencia, que se iniciou o 1 de setembro, a Xunta garante esta prestación esencial para dar unha asistencia completa e adecuada aos pacientes, logo de que área sanitaria de Vigo, que atende a unha poboación de ao redor de 568.000 persoas, acordou a resolución deste servizo coa empresa que o estaba a realizar, por causa imputable ao contratista.

