A Xunta apoia o VI Festival de Cine Inclusivo, que incorpora sesións dedicadas á igualdade, á discapacidade e o público familiar

A delegada territorial da Xunta en Vigo destacou o valor social desta cita cinematográfica, tanto pola temática dos filmes como polos xeitos de proxección,  con soportes de audiodescrición e subtítulos

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, participou hoxe na inauguración oficial da sexta edición do Festival de Cine Inclusivo de Vigo que arrancou cunha retrospectiva de Xavier Bermúdez, o primeiro director español en rodar un filme cun actor protagonista con síndrome de down, ao que a organización quixo render homenaxe.

Deste modo, proxectáronse os filmes ‘León y Olvido’ (2004) e ‘Olvido y León’ (2021) e Bermúdez recolleu o premio honorífico das mans de Marta Larralde, actriz protagonista en ambos filmes.

O evento cinematográfico que terá lugar en Vigo do 12 ao 16 de outubro conta co apoio da Xunta de Galicia que este ano, tal e como recordou Fernández-Tapias, contribúe ao financiamento de 14 encontros do sector audiovisual, entre os que se distribúen os 200.000 euros da dotación para 2021 desta liña de axudas que xestiona a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). Entre eles están tamén o Festival Primavera do Cine e o Galician Freaky Film Festival.

A dotación da convocatoria para 2021, que se resolveu en réxime de concorrencia competitiva, supón un incremento do 5,2% respecto a 2020, co que se mantivo a tendencia á alza no seu orzamento desde a creación en 2015 desta liña de apoio. A ela puideron optar festivais cun mínimo de tres edicións anteriores realizadas en anos consecutivos e que na súa programación conteñan o cinco por cento de títulos ou cinco sesións de produción cinematográfica e/ou dirección galegas.

Na súa intervención, a delegada destacou que este festival ten no seu valor social o seu principal elemento distintivo dentro do panorama cinematográfico galego, tanto pola temática dos filmes como polos xeitos de proxección, con soportes de audiodescrición e subtítulos. Como novidade este ano incorpora sesións de curtametraxes dedicadas á igualdade, discapacidade e público familiar.

En conxunto, proxectaránse 54 pezas audiovisuais en tres recintos diferentes: o Auditorio municipal do Concello de Vigo, o cine Salesianos e o Museo Marco. Asemade, mantéñense as seccións habituais como o Short-In Doc de curtametraxes documentais pola inclusión, o Vig-In Doc  internacional, a sección oficial de ficción, a de cortos audioescritos e subtitulados e o concurso online de webseries. Tamén participaron no acto de inauguración representantes das distintas institucións implicadas no proxecto e Gonzalo Suárez, director do festival.