A Xunta apoia ás federacións de confrarías de pescadores para impulsar o seu funcionamento

A Consellería do Mar asina un ano máis convenios de colaboración coa Federación Galega de Confrarías de Pescadores e as federacións provinciais da Coruña, Pontevedra e Lugo 

As catro entidades, que agrupan ás 63 confrarías galegas, beneficiaranse este ano de máis de 332.000 euros para facer fronte tanto a gastos correntes derivados do seu funcionamento como a contratación de persoal ou arrendamentos

A Consellería do Mar colabora un ano máis coas catro federacións de confrarías de pescadores de Galicia -a galega e as provinciais da Coruña, Lugo e Pontevedra- poñendo á súa disposición 332.000 euros en axudas para facer fronte aos gastos correntes que se produzan no ano 2022 derivados do seu funcionamento. Esta colaboración materialízase todos os anos a través dun convenio que se asinou recentemente para o presente exercicio.

As catro federacións, que agrupan ás 63 confrarías da comunidade autónoma e que aglutinan a máis de 13.000 profesionais afiliados, poderán beneficiarse de apoios para atender pagamentos relacionados coa contratación de persoal, arrendamentos, reparacións e material de oficina ou indemnizacións por razón de servizo, entre outros.

Para o control de cada un destes convenios créase unha comisión de seguimento composta por dous membros designados por cada unha das partes asinantes. A vixencia desta colaboración é ata o 31 de decembro de 2022. Con estes apoios o Executivo galego busca afianzar a cogobernanza e a coxestión do medio mariño entre a Administración e o propio sector e poñer en valor o labor das federacións na representación e defensa dos intereses do sector marítimo-pesqueiro co obxectivo de impulsar a súa competitividade e a súa sustentabilidade. Neste sentido, a Consellería do Mar busca tamén a través deste tipo de colaboracións recoñecer o importante traballo destas entidades no coidado dos recursos pesqueiros e marisqueiros e na defensa do futuro do sector.