Estes facultativos vanse incorporar aos seus centros de saúde ao longo do próximo mes e reforzarán as gardas dos PAC
A Xunta de Galicia vén de adxudicar, na primeira quenda, 11 das 15 prazas convocadas de difícil cobertura na Atención Primaria da Área Sanitaria de Vigo, a través do concurso de méritos. A segunda quenda para a elección das prazas restantes convocarase proximamente.
Así, as prazas cubertas corresponden aos centros de saúde de Ponteareas (3); Moaña (2); Redondela /Pazos de Borbén/Fornelos; Valeixe/Crecente; Coia; Val Miñor; O Rosal e Porriño.
Na seguinte convocatoria se cubrirán as prazas que quedan dos centros de A Guarda; O Rosal; Moaña e Cangas.
Os facultativos que onte elixiron destino se incorporarán aos seus centros de saúde ao longo do próximo mes e reforzarán as gardas dos Puntos de Atención Continuada. Así, os 11 novos profesionais desta primeira quenda contribuirán a garantir a cobertura dos PAC ao realizar gardas nos Puntos de Atención Continuada, proporcionando unha atención sanitaria estable e de calidade a todos os cidadáns de concellos que levaban tempo sen médico fixo.
Galicia, pioneira na selección por concurso de méritos
O novo sistema para a selección do persoal médico, un proceso iniciado por Galicia e pioneiro en España, aposta polo concurso de méritos para a cobertura, con praza fixa, dos postos máis difíciles de cubrir. Trátase dun sistema máis áxil, que permitirá incorporar facultativos de xeito urxente, estable e permanente aos hospitais, Puntos de Atención Continuada e centros de saúde con maiores carencias de profesionais.
De feito, esta convocatoria permitiu que cinco meses despois da súa publicación -o pasado mes de abril – os novos médicos xa podan acceder as súas prazas, en contraste cos dous anos de duración media dun proceso de concurso- oposición.