A Xunta adxudica a implantación de enerxías renovables en 4 centros de saúde da área sanitaria de Vigo

O Sergas acaba de contratar as obras de actuación para dotar de caldeiras de biomasa  e de sistemas de aerotermia aos centros de saúde de Coia, Teis, Cangas e Mondariz

A Xunta de Galicia ven de publicar no seu portal de transparencia a adxudicación da implantación de enerxías renovables por un importe de 501.751 euros en catro centros de saúde da Área Sanitaria de Vigo.

En concreto, adxudicouse á empresa Elecnor Servicios y Proyectos S.A.U. as actuacións nos centros de saúde de Teis e Mondariz. En Teis, o importe da adxudicación foi de 154.207 euros, co obxecto de achegar enerxía térmica mediante biomasa; e en Mondariz investiranse  96.000 euros na dotación dunha caldeira de biomasa.

Ademais, a empresa Esqueiro resultou a adxudicataria das obras a realizar nos centros de saúde de Coia e Cangas. En Coia, o importe de adxudicación foi de 129.544 euros para poñer en marcha un sistema de aerotermia; e en Cangas foi 122.000 euros para dotar ao centro de caldeiras de biomasa.

En xeral, en Galicia investiranse 1,5 millóns de euros para introducir enerxías renovables en 14 centros de saúde.

Unha sanidade pública máis sustentable

Este contrato materialízase a través dun acordo entre o Sergas e o INEGA, dependente da Consellería de Economía, Industria e Innovación, que promove a través da Axenda Enerxética Galicia 2030 a integración de enerxías renovables en edificios públicos e facilita o seu cofinanciamento polo programa operativo FEDER Galicia 2014-2020.

Pola súa banda, o Sergas aprobou en xuño a súa Estratexia de Economía Circular coa minimización do consumo de combustibles fósiles como unha das liñas do seu primeiro eixo. Deste xeito, estes  contratos corresponden a unha aposta clara do Goberno galego polas enerxías renovables e pola economía circular, na que se implican distintos departamentos da Xunta e na que se integra tamén a sanidade pública galega.