A Xunta adquire 2 novos equipos de resonancia magnética para o Chuvi

Os novos equipos, cun investimento de 2,6 millóns de euros, irán destinados ao Hospital Alvaro Cunqueiro e ao Meixoeiro

A Xunta de Galicia vén de publicar as resolucións de adxudicación das contratacións de 2 novos equipos de Resonancia Magnética para o Complexo Hospitalario Universitario de Vigo. Esta nova dotación tecnolóxica supuxo un investimento de 2,6 millóns de euros, canalizados a través dos fondos Next Generation da Unión Europea.

Os novos equipos virán a substituír a 2 actuais ubicados un no Álvaro Cunqueiro e outro no Meixoeiro.

Trátase de equipos de ultima xeración e de altas prestacións. Contan cunha maiorresolución anatómica, permitindo ver lesións de tamaño minúsculo. As súas características tecnolóxicas posibilitan obter imaxes de máis calidade en calquera órgano, nun tempo menor e coa máxima confianza diagnóstica, conseguindo así un diagnóstico aínda máis preciso e eficiente. Isto significa unha achega inestimable para a detección precoz de múltiples patoloxías, especialmente en pacientes oncolóxicos e neurolóxicos. Neste senso, cómpre salientar que un  diagnóstico máis preciso posibilita un tratamento máis axeitado e individualizado, o que conleva maiores beneficios para o paciente.

A incorporación destas novas dotacións tecnolóxicas permitirá seguir implementando novas técnicas e procedementos diagnósticos para avanzar na mellora da calidade asistencial ofertada na área sanitaria de Vigo.

Maior axilidade e confort

Ademais, os novos equipos contan cun deseño que introduce melloras no confort dos usuarios, xa que o tubo é mais grande, polo que o paciente se sentirá máis cómodo e seguro.

Ademais, outra das características é a axilidade na realización da proba, xa o tempo da se reduce considerablemente, nalgúns casos ata nun 60%.

O Chuvi conta con 4 equipos de RM (3 en HAC e 1 en Meixoeiro). O pasado ano  fixéronse  28.115 estudos de Resonancia Magnética.

Fondos europeos para renovación de tecnoloxía sanitaria

Este contrato entra dentro dos que está a tramitar a Xunta para canalizar os fondos NextGeneration da Unión Europea para a renovación de equipamento sanitario por máis de 60 millóns de euros. Ademais das resonancias magnéticas, o Consello da Xunta xa autorizou este ano outras licitacións derivadas deste uso dos fondos Next Generation para a renovación e ampliación do equipamento de alta tecnoloxía sanitaria.

No caso do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, esta medida suporá, ademais  das dúas resonancias magnéticas, a renovación de cinco TACs, tres gammacámaras, dúas salas de hemodinámica, un equipo de anxiografía vascular e un PET. Estas renovacións suporán un investimento total de máis de 13 millóns de euros.