A Xunta abre o prazo da segunda convocatoria de axudas destinadas aos concellos para o embelecemento turístico do litoral por 2,7m€

O Diario Oficial de Galicia publica a convocatoria destas subvencións de concorrencia non competitiva que se poden solicitar desde o día 6 de febreiro ás 00.00 horas

Sufragarán a rehabilitación sustentable de edificacións singulares, actuacións encamiñadas á accesibilidade e dixitalización de recursos, entre outras

É unha das accións incluídas no Plan Territorial de Sustentabilidade Turística do Litoral deseñado polo Goberno galego con fondos europeos Next Generation

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a segunda convocatoria da liña de axudas destinada a concellos galegos para levar a cabo accións de embelecemento do litoral e potenciar así o seu uso turístico, cun investimento global de máis de 2,7M€. É unha das actuacións incluidas no Plan Territorial de Sustentabilidade Turística do Litoral posto en marcha polo Goberno galego con fondos Next Generation.

Esta liña de axudas destinarase aos concellos situados no litoral galego e se concederán en réxime de concorrencia non competitiva. O prazo para solicitalas comezará o 6 de febreiro ás 00.00 horas e rematará o 5 de marzo ás 23.59 horas. Entre outras, subvencionaranse accións que afonden na transición verde e ecolóxica para a rehabilitación do patrimonio en espazos singulares do litoral, tamén accións de transición dixital e accesible e inclusiva.

En concreto, inclúense actuacións como a rehabilitación sustentable de edificacións como museos, monumentos, teatros, galerías de arte… nas que o concello acredite a súa dispoñibilidade; investimento en zonas verdes como vías verdes, camiños e sendeiros, espazos naturais que fomenten a biodiversidade vexetal que permitan conectar distintos puntos de interese turístico ou que contribúan á creación de novos productos turísticos, tales como rutas polas zonas verdes.

No eido da dixitalización, subvencionaranse gastos de desenvolvemento de aplicacións turísticas ou desenvolvemento de códigos QR para o ámbito turístico, gastos de deseño e instalación do desenvolvemento de folletos dixitais turísticos, ou de guías interactivas, placas informativas dixitais ou sinalización monumental intelixente, entre outras.

Máis accesibilidade

Tamén se subvencionarán actuacións encaminadas á accesibilidade e un turismo inclusivo, como os gastos de obra e reforma que impliquen a modernización, mellora e adaptación de equipamentos existentes para mellorar a accesibilidade a recursos turísticos, tamén a adquisición de bens que teñan este mesmo obxectivo.

Esta convocatoria de axudas inclúese no Plan Territorial de Sustentabilidade Turística do Litoral que ten un plan de execución ata o ano 2024. Cun investimento global de 29,3M€ enmárcase este plan enmárcase no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia para aproveitar o financiamento europeo no camino á transformación dixital e o incremento da competitividade dos destinos turísticos. Este Plan Territorial galego inclúe a posta en marcha de medidas transversais destinadas ao litoral galego como dúas convocatorias anteriores para concellos e establecementos que impulsaban a rehabilitación de recursos emblemáticos do litoral galego, xa convocadas e resoltas, así como a construción da senda do litoral de Galicia. Por outra banda, no marco deste Plan Territorial do Litoral as entidades locais están executando distintos Plans de Sostibilidade Turística en Destino.