A partir do próximo luns 19 os boucenses interesados xa poderán solicitar o cambio ao novo centro da súa vila
Representantes do goberno galego e do Sergas mantiveron nas últimas horas unha xuntanza cos veciños de Bouzas para confirmarlles a apertura do novo centro de saúde tralo verán e a apertura do prazo pars solicitar a adscrición á nova Unidade de Atención Primaria, que é voluntaria.
Nesta charla informativa, presidida pola delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, participaron o xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente; o director da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Francisco Menéndez; e a médica do servizo de Inspección Sanitaria, Teresa Cendón.
No transcurso deste encontro a delegada territorial expresou a súa satisfacción por esta nova infraestrutura sanitaria e dixo que “este centro xa é unha realidade e unha vez máis quedan en evidencia aqueles que cuestionaron á vontade política e institucional da Xunta con esta nova dotación, xa que o goberno galego cumpre cos seus compromisos”.
Solicitude de adscrición desde o luns
O novo centro de saúde, no que o goberno galego realizou un investimento de preto de 1,4 millóns de euros, acometeuse para atender as necesidades de medicina xeral dos veciños da vila de Bouzas, que actualmente reciben asistencia nos centros de saúde de López Mora, Beiramar ou Navia.
Neste senso, o xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente, remarcou o criterio de voluntariedade para adscribirse ao novo centro, e explicou que “os veciños poden elixir entre continuar recibindo atención sanitaria no centro de atención primaria que viñan tendo de referencia ou no de Bouzas”.
Os interesados en adscribirse ao de Bouzas poderán facelo a partir do próximo luns, día 19, solicitando o modelo impreso do cambio na área administrativa do seu centro de saúde habitual. Unha vez tramitada a solicitude, a administración sanitaria informará por carta ou SMS a cada cidadán do cambio efectuado.
Os hospitais de referencia para a poboación que elixa o novo centro de atención primaria serán o Complexo Hospitalario Universitario de Vigo e Hospital Ribera POVISA.
Seis consultas de medicina xeral e enfermaría
O centro de saúde de Bouzas está emprazado nas inmediacións da Alameda, entre as rúas Suárez Llanos e Ferreiros. Para a súa execución procurouse a máxima integración na contorna de acordo co establecido no Plan Especial de Reforma Interior (PEPRI) dese ámbito e mediante o mantemento e reprodución do volume e dos elementos característicos das construcións históricas que ocupaban as parcelas e que na actualidade se atopan practicamente abandonadas.
Por ese motivo, o centro de saúde consta de dous volumes construtivos, con dous plantas cada un, que suman unha superficie total de 860 metros cadrados e que se comunicarán mediante unha galería.
Estará equipado con tres consultas de medicina xeral, tres de enfermería e unha sala polivalente.
O centro, que irase dotando de recursos humanos de xeito progresivo, iniciará o seu funcionamento cun médico de familia, un profesional de enfermaría, e un PSX (persoal de servizos xerais)

