A vicepresidenta primeira da Deputación, Marta Fernández-Tapias, participa na sesión constitutiva do Pleno da Comisión de Deputacións da FEMP

A vicepresidenta primeira da Deputación de Pontevedra, Marta Fernández-Tapias, acaba de participar na sesión constitutiva do Pleno da Comisión de Deputacións Provinciais, Cabidos e Consellos Insulares da Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP). Fernández-Tapias amosou a súa satisfacción por ter participado “nun encontro que pon de manifesto a importancia que este goberno provincial outorga ao municipalismo e a tender pontes con outras institucións para avanzar na construción dunha provincia máis dinámica, próspera e con maiores oportunidades”. A mediados de xaneiro a presidenta da FEMP, María José Pelayo, visitou a provincia de Pontevedra para coñecer o compromiso do goberno provincial cos concellos da man do presidente Luis López e membros do goberno provincial. López, amais de formar parte da Comisión de Deputacións, Cabidos e Consellos Insulares da FEMP, é tamén vicepresidente segundo da Rede de Cidades Saudables, da que forman parte 54 municipios galegos, entre eles a propia Deputación. Do mesmo xeito, a Deputación forma parte de Vilas Termais, a rede da FEMP que agrupa a 77 entidades locais que contan con augas minerais e termais, das que 26 son galegas e sete, da provincia de Pontevedra.