A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, presentou esta mañá na sede da Deputación en Vigo a primeira edición do Torneo Internacional de Balonmán Interpontes que se celebrará os días 7 e 8 de agosto. “Un evento deportivo que nace por vez primeira e supera o ámbito local xa que ao anfitrión, o Club Cisne de Pontevedra, e ao Cangas de Balonmán, único club galego en Liga Asobal, únense dous equipos de máximo nivel cos que se disputará este torneo: o Sporting de Lisboa, campión da Liga lusa, e o Dinamo de Bucarest, na súa antesala ao seu enfrontamento o 10 de setembro na Champions League europea de balonmán”. Sánchez enxalzou que o “balonmán da nosa provincia está ao máis alto nivel” e aproveitou para poñer en valor todo o potencial da provincia de Pontevedra, “con clubs, infraestruturas e emprazamentos naturais idóneos para a práctica de calquera disciplina deportiva e que nos está a permitir situarnos como o gran estadio no que disputar calquera competición”.

