A vicepresidenta da Deputación, Marta Fernández-Tapias, presenta o Campionato Galego de Natación Máster de Inverno que acollerá Ponteareas o vindeiro fin de semana

A vicepresidenta primeira da Deputación de Pontevedra, Marta Fernández-Tapias, acaba de participar no Castelo de Sobroso no acto de presentación do Campionato Galego de Natación Máster de Inverno 2024 que acollerá Ponteareas o vindeiro fin de semana. No acto, no que tamén interviñeron a alcaldesa da vila do Corpus e deputada provincial, Nava Castro, o coordinador do servizo provincial de Deportes da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Freire, o presidente da Federación Galega de Natación, Juan Carlos Brión, e o presidente e director técnico do CN Ponteareas, Andrés Carrera, a vicepresidenta amosou o orgullo de que “Pontevedra sexa unha vez máis a provincia anfitrioa dunha proba deportiva de primeiro nivel, na que se darán cita os mellores nadadores de Galicia”.

Fernández-Tapias aproveitou a ocasión para poñer en valor o esforzo  da Federación Galega de Natación e do Club de Natación de Ponteareas, que leva xa 25 anos “apostando pola natación desde a base”, na organización desta proba na que se darán cita preto de 400 nadadores de 28 clubs. Tamén remarcou o compromiso da Deputación de Pontevedra co deporte, “eixo prioritario deste mandato”, “unha disciplina que contribúe como ningunha outra a estender hábitos saudables na sociedade, a enchela de valores positivos e é xa unha ferramenta de promoción turística fundamental para a nosa provincia”.