A vicepresidenta da Deputación Luisa Sánchez exemplifica no Torneo de Minibasket a importante aposta do Club Baloncesto Baiona polo deporte base

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, participou hoxe xunto co alcalde de Baiona e deputado provincial, Jesús Vázquez Almuiña, na presentación da XV edición do Torneo de Minibasket que se disputará este fin de semana nesta localidade pontevedresa. Será o venres 22 de marzo cando comece a competición co tradicional concurso de tiro por parellas, para continuar o sábado coa fase de grupos e terminar o domingo cos playoffs e as finais por categorías.

- Publicidad -
Centaurus Box Vigo Cross Training

Na súa intervención, a vicepresidenta provincial quixo destacar a importante contribución do Club Baloncesto Baiona, representado no seu director deportivo, David Castiñeiras, ao deporte base, ao que se referiu como “un dos eixos estratéxicos sobre os que pivota a política deportiva da Deputación de Pontevedra”. No caso da entidade baionesa, Sánchez quixo exemplificalo en iniciativas como as Escolas Deportivas Municipais de Baloncesto, o Torneo de Verán 3×3, o Campus CB Baiona e, particularmente, no Torneo de Minibasket. A vicepresidenta felicitou ao CB Baiona por esta aposta e polos éxitos colleitados no deporte federado, e instou aos olladores de talentos deportivos a non perder de vista aos 450 baloncestistas alevíns que participarán neste torneo.