A vicepresidenta da Deputación asiste á presentación das actividades do Centro Ponte da Fundación Isidre Esteve

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, asistiu hoxe nas instalacións do Coruxo C.F. ao acto organizado pola Fundación Isidre Esteve no que presentaron os logros alcanzados nos últimos anos desde o seu Centro Ponte, instalado en Coruxo, así como os proxectos que virán no futuro para seguir axudando ás persoas con discapacidade en Vigo e Galicia. A vicepresidenta provincial aproveitou a ocasión para agradecer á directora da Fundación, Lídia Guerrero, e ao do centro, Joan Rodríguez, o traballo realizado ao longo dos últimos anos. “Grazas por todo o que facedes para axudar ás persoas a descubrir e valorar as súas capacidades, porque as persoas con discapacidade física e mobilidade reducida deben ter as mesmas oportunidades que todos de mellorar a súa condición física”, asegurou, ao tempo que lles tendeu a man para “que a Deputación forme parte da vosa historia, para seguir construíndoa ao voso carón”.