Lembran que a infraestrutura foi anunciada por Abel Caballero, alcalde de Vigo, desde hai 9 anos
A Asociación Veciñal e as Anpas de Teis conmemoraron o día das Letras Galegas en Teis cun acto cultural diante do edificio do antigo centro de saúde.
Este acto, impulsado na tarde onte, reivindica a construción da biblioteca en Teis anunciada por Abel Caballero, Alcalde de Vigo, desde hai 9 anos. O acto consistiu na distribución de libros de balde entre a veciñanza para fomentar o uso da lectura na nosa lingua e a actuación do contacontos, Miguel A Alonso Diz.
Desde Asociación e as Anpas reivindican que Teis «necesita unha biblioteca», solicitando, unha vez máis, que o edificio que ocupaba o antigo centro de saúde na rúa Enrique Lorenzo, pechado desde o ano 2000, cunha superficie de 1000 metros cadrados, se destine para biblioteca entre outros usos dotacionais.
Defenden que este edificio acolla unha biblioteca, ludoteca e local xuvenil. «Queremos que este edificio conte con libros, e non se limite a unha simple sala de lectura, como figura na documentación do Concello», subliñan.
O goberno municipal leva anos anunciando a remodelación deste edificio, o último anuncio é que as obras comezarían en 2021 para estar en funcionamento en 2022. O Alcalde, anunciou o proxecto da biblioteca xa en 20 ocasións. «A día de hoxe descoñecemos cal é o proxecto e os prazos reais para a construción da biblioteca de Teis», conclúen.

