A UVigo volve embarcarse en ‘La aventura del saber’

Os docentes Lourdes Maceiras e Alejandro Gómez falarán sobre medicina de precisión e lixo espacial

A próxima temporada do programa de TVE2 comeza a emitirse este 3 de abril

Un ano máis, a Universidade de Vigo embárcase en La Aventura del saber. O programa de TVE2, que estreará nova temporada este mércores 3 de abril, volverá contar coas universidades españolas na sección Universo Sostible. A sétima temporada desta iniciativa, coproducida por Crue Universidades Españolas e capitaneada pola Universitat de València, estará composta por nove capítulos, dous dos cales contarán con investigadores da Universidade de Vigo.

- Publicidad -
Centaurus Box Vigo Cross Training

O obxectivo deste espazo é afondar na transmisión á cidadanía dun coñecemento rigoroso da realidade para que esta sexa máis crítica  responsable nas súas decisións. Os temas desta nova etapa serán a covid persistente, a impresión 3D, a medicina da complexidade, o uso de madeira como material sostible, a microbiota, as enfermidades cutáneas, o lixo espacial ou a restauración dos ecosistemas degradados. Nestes capítulos científicos e científicas das universidades participantes “explicarán de maneira sinxela as claves dos avances nos proxectos de investigación relacionados cos progresos tecnolóxicos que terán un impacto importante nun futuro próximo”. 

Por parte da UVigo, no capítulo 4, que se emitirá o 24 de abril, participará Lourdes Maceiras, da Área de Medicina Preventiva e Saúde Pública, Departamento de Bioloxía Funcional e Ciencias da Saúde. Xunto con outros cinco expertos tratara de explicar que é a medicina da complexidade, en que sectores da medicina se poden aplicar as técnicas de precisión ou os últimos avances e retos de futuro neste eido. 

O capítulo 8, que sairá o 29 de maio, tamén terá representación da Universidade de Vigo, en concreto a través do investigador de atlanTTic Alejandro Gómez, da Área de Enxeñaría Aeroespacial, do Departamento de Enxeñaría Mecánica, Máquinas e Motores Térmicos e Fluídos e docente na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. Nun capítulo centrado no lixo espacial, compartirá con expertos doutras cinco universidades reflexións sobre que é e como afecta este tipo de restos, como evitar a súa proliferación, etc.

Onde velos

Os capítulos emítense dentro do programa La aventura del Saber e tamén se poderán ver nas plataformas web das 26 universidades participantes, no caso da UVigo, a través de UVigo TV, que xa ofrece os capítulos das seis temporadas xa producidas.