A UVigo súmase á I edición do concurso de imaxes ‘Reflicte a felicidade’

Busca sensibilizar a comunidade universitaria en estilos de vida que faciliten o benestar emocional

A Rede Española de Universidades Promotoras de Saúde, REUPS, da que forma parte a Universidade de Vigo, acaba de convocar a I edición do concurso de imaxes Reflicte a felicidade co que se busca facer visible a importancia da saúde emocional e dar valor ás tres mellores imaxes das universidades españolas en materia de benestar emocional, sensibilizando tanto á comunidade universitaria como a poboación en xeral.

O concurso está aberto á participación tanto do alumnado como do persoal docente e investigador e do persoal de administración e servizos. Cada persoa poderá presentar unha única imaxe, que poderá ser unha fotografía, gráfico, collage, debuxo ou calquera outro tipo de imaxe, a través da súa conta persoal de Instagrem ou Twitter. Ademais, na imaxe débese etiquetar outra conta e hai que acompañala dun slogan que reflicta a importancia do benestar emocional, os seus beneficios e/ous estratexias para a súa promoción entre a comunidade universitaria. Cada universidade elixirá tres fotos, que son as que accederán á competición nacional. As persoas interesadas en participar poden enviar a súa proposta ata o vindeiro xoves 18 de abril.

Unha imaxe acompañada de un lema: ‘Para ser un pouco máis feliz…’

A mensaxe ou slogan que acompañe cada imaxe debe ter un máximo de 20 caracteres e  comezar coa frase ‘Para ser un pouco máis feliz…’, a etiqueta #UniversidadEmocional2021 e a conta de Twitter ou Instagram. Ademais, a persoa solicitante deberá ter unha conta persoal con perfil aberto e seguir o perfil da REUPS na rede social que elixa para participar: Instagram (@unisaludable_) ou Twitter (@unisaludables). 
A Universidade de Vigo seleccionará as tres mellores imaxes entre as subidas polos integrantes da súa comunidade universitaria. Encargaranse de elixir estas tres fotografías un xurado composto pola vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini; a vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, Maribel Doval,  e unha persoa experta en deseño gráfico e fotografía. Os autores das tres imaxes gañadoras recibirán como agasallo un lote de artigos deportivos, composto por chándal, camiseta e mochila muver.

A nivel nacional as persoas que obteñan os tres primeiros postos recibirán cadansúa experiencia para dúas persoas consistentes nun fin de semana, de venres a domingo, que incluirá o transporte, o aloxamento e a actividade ofrecida na propia experiencia. As persoas que obteñan o cuarto e o quinto posto outorgaráselles un accésit dun diploma. Ademais REUPS outorgará aos cinco unha inscrición gratuíta no II Congreso de Universidades Promotoras de Saúde, excluíndo o aloxamento e o transporte.