A UVigo renova a súa oferta no ámbito das Humanidades cun Grao en Filoloxía Aplicada Galega e Española único no sistema universitario español

A titulación recibiu o informe favorable da Acsug

A novo título da Facultade de Filoloxía e Tradución ofertará 50 prazas o vindeiro curso

“Filoloxía Aplicada Galega e Española designa un grao que, asentado na tradición, mira cara o provir co fin de que o alumnado adquira as competencias filolóxicas necesarias para poder aplicalas de xeito práctico na procura de solucións aos problemas socioculturais actuais co emprego das máis modernas ferramentas da tecnoloxía dixital”. Neste termos describe o decano da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, José Montero Reguera, o novo Grao en Filoloxía Aplicada Galega e Española, que o centro comezará a impartir o vindeiro curso, en substitución do Grao en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios. Co informe final de avaliación favorable, que acaba de emitir a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (Acsug), ponse fin a un proceso de dous anos se medio “complexo e difícil e moi longo no tempo”, asegura Montero,  que recoñece “o excelente traballo realizado pola comisión redactora e a absoluta implicación do actual equipo de goberno da Universidade”. Unha luva que o reitor, Manuel Reigosa, recolle, manifestado, á súa vez, o seu orgullo “polo esforzo feito pola FFT para artellar un grao moderno, que inclúe aspectos aplicados que multiplican as capacidades do alumnado que se forme nel”. 

O novo grao, que ofertará o vindeiro curso 50 prazas, renova e reforza a oferta da UVigo no ámbito das Humanidades, asegurando a continuidade dos estudos de galego e español, que se remontan na institución académica viguesa 40 anos atrás, “cando esta universidade aínda era colexio universitario”, lembra o decano da FFT. Pola súa banda, o reitor reafírmase na idea de que unha universidade ten que aspirar a ter un catálogo de titulacións que inclúas as Humanidades, “que xogan, xogaron e xogarán un papel transcendental na formación da conciencia crítica da sociedade e que supoñen unha parte moi importante do noso progreso”, sinala Reigosa.

Un grao multilingüe, con prácticas externas e unha vertente práctica, sobre todo dixital

O Grao en Filoloxía Aplicada Galega e Española (FAGE) distribúe os catro anos do plan en dous ciclos: un primeiro de dous anos de formación básica e obrigatoria, e un segundo de formación máis especializada, orientada a cada unha das linguas centrais do grao: galego e español. “O novo grao conxunga, por unha banda, a tradición, a modernidade e a realidade social onde entendemos a Filoloxía como a colaboración entre varias disciplinas e subdisciplinas centradas sempre na palabra e nos seus textos, e, tamén, dunha maneira xenérica na que texto sería calquera comunicación en que se empregue a lingua, neste caso o galego e o español”, detalla Montero Reguera. 

O multilingüismo é un dos sinais de identidade no novo grao, no que o alumando, ademais de galego e español, cursará dous idiomas modernos a elixir entre: alemán, francés, inglés ou portugués. A incorporación de Lingua de signos nun módulo optativo de especialización, único no Sistema Universitario Galego, é outra das características da nova titulación, que ten un marcado contido e carácter aplicado e práctico. “Debe engadirse a isto a incorporación de prácticas externas e que no Traballo Fin de Grao recóllese de xeito explícito a orientación práctica e aplicada”, detalla o decano do centro, que tamén destaca o carácter creativo en literatura galega, aplicado e dixital. “Todos estes elementos amosan non só as profundas diferenzas co grao anterior, senón a verdadeira singularidade de FAGE, que lle converten- unhas e outra- nun grao único no sistema universitario español”, afirma Montero. 

Ademais, a estrutura da titulación permite compartir 90 créditos comúns co outro grao que se imparte na Facultade, o de Linguas Estranxeiras, e 30 créditos específicos de galego e de español. A isto se engade a posibilidade de libre deseño do currículo que fai posible que, ademais dos dous itinerarios propostos, o alumnado teña a opción de deseñar libremente o seu.

Unha titulación que abre “portas vellas e tamén modernas”

Fronte aos graos que as outras dúas universidades galegas imparten e nos que, en palabras do decano da FFT da UVigo, “prevalece a discriminación entre lingua e literatura, e en parte illa o estudo da lingua e da literatura”, este grao pretende eliminar esta diferenciación , optando por unha visión máis interdisciplinar, agrupando e conxugando os tres eixos sinalados polo Libro Blanco da Aneca para os estudos de lingua, literatura, civilización e cultura: Estudos de linguas e as súas respectivas literaturas; Estudos de lingüística e linguas aplicadas e Estudos literarios.

“Trátase dun grao moderno, único, internacional que pode abrir moitísimas portas, vellas e tradicionais, pero tamén modernas e de futuro, que permite coñecer con profundidade as linguas propias e desenvolverse con pericia en non menos de outras dúas, o que permitirá chegar a obxectivos ambiciosos nos eidos da docencia, da comunicación, da investigación e das industrias culturais”, resume o decano da FFT sobre o novo grao, que contará para ser impartido co persoal existente no centro e cos espazos dos que dispón agora a facultade, que foron actualizados e mellorados no último ano. Con estes vimbios, o reitor amósase confiado en que o grao se abrirá o oco que merece, así como en que a Universidade de Vigo teña filoloxía galega e filoloxía española sempre. “Temos un cadro de persoal moi potente, cun nivel de investigación e de recoñecemento importantes, o plan de estudos é moderno e moi ben artellado…. Danse as condicións para que a titulación sexa un éxito”, sinala Manuel Reigosa.