A UVigo reduce un 8% a súa pegada de carbono grazas ás novas instalacións eléctricas

Imaxe dunha das instalacións do campus de Vigo.

Nos dous últimos anos acadouse un aforro anual de 1821 toneladas de emisións

O estado de execución do Plan Suvi, o plan de mellora da eficiencia enerxética e redución da pegada de carbono da Universidade de Vigo, centrou este venres a sesión ordinaria do Claustro Universitario celebrada no campus de Ourense. Coas instalacións fotovoltaicas, de xeotermia e de biomasa postas en marcha ao seu abeiro nos dous últimos anos, a UVigo conseguiu reducir un 8,12% a súa pegada de carbono, cun aforro anual de 1821 toneladas de emisións. O obxectivo é continuar na senda cara a sostibilidade con iniciativas como a creación de comunidades eléctricas nos campus de Vigo e Ourense e o fomento dunha mobilidade máis sostible.    

A sesión celebrada no edificio Politécnico do campus de Ourense, que puido seguirse de xeito telemático, arrancou cun informe de Manuel Reigosa, reitor da UVigo, no que deu conta de avances e novidades en temas de interese acontecidos desde o último claustro. Así, comezou abordando as negociacións sobre plan de financiamento das tres universidades galegas, “seguramente o reto máis importante que temos nestes momentos nas mans”. Sobre el comentou que “xa temos un acordo” que será presentado en datas próximas polas tres universidades e as consellarías implicadas. O novo plan, indicou o reitor, “márcanos unha senda de crecemento razoable” e vai permitir afrontar o seu período de duración “cunhas bases sólidas”. Na súa intervención, o responsable institucional tamén fixo un repaso polo estado de tramitación das novas titulacións e polos acordos acadados no Consello de Goberno do pasado 27 de outubro. Neste repaso subliñou a súa satisfacción pola aprobación nel da Oferta Emprego Público de PDI, a maior da historia da institución académica, e a ratificación do acordo de funcionarización do PAS, destacando o esforzo e o diálogo entre os axentes implicados que permitiron ambos acordos.

Plan Suvi

Respecto ao Plan Suvi, Manuel Reigosa explicou que, ao igual que en temas de igualdade e diversidade, a UVigo aspira “a ser unha universidade sostible” a través de actuacións en dous eixos fundamentais: nos propios edificios, con instalacións de xeotermia en Ourense, bioamasa en Pontevedra e fotovoltaica en todos os campus, e a concienciación en mobilidade. Alén das cifras económicas de investimento e de aforro, o reitor recalcou que “o importante é dar exemplo, ser referencia para a sociedade” no eido da sostibilidade. Neste reto, quixo agradecer o apoio das diversas institucións que apoian os proxectos que desenvolve a institución académica, e de xeito especial tivo palabras de agradecemento para o que foi conselleiro de Facenda e Administración Pública Valeriano Martínez, recentemente falecido.

José Luis Míguez, vicerreitor de Planificación e Sostibilidade da Universidade de Vigo, foi o encargado de presentar aos membros da comunidade universitaria o informe sobre as actuacións en materia de sostibilidade. Nel debullou as actuacións realizadas en cada campus, as medidas de eficiencia postas en marcha, as a actuacións en curso e proxectadas, a mobilidade sostible e novas ideas e proxectos. Segundo os datos expostos, a pegada de carbono da UVigo ascende a 22.443 toneladas anuais, 0,99 por persoa. O 49,2% desta pegada derivada do seu funcionamento e dentro dela, o 18,7% provén do consumo eléctrico, que actualmente equivale a 4197 toneladas de emisións e que o Plan Suvi intenta reducir á metade. O outro 49,8% da pegada da UVigo corresponde á mobilidade. “A idea sería poder chegar a ser un campus autosuficiente, pero é difícil” polo que, afirmou Míguez, “intentaremos rebaixar o máximo posible a pegada”.  

Ao longo da súa intervención, o vicerreitor explicou que as actuacións de mellora da eficiencia enerxética realizadas en 2019/2020 na UVigo ao abeiro do Plan Suvi permiten un aforro anual de 1821 toneladas de CO2, o 8,12% da pegada de carbono total da institución académica. Para exemplificar esta cifra, apuntou que equivale a 71.000 árbores plantadas ou 757.000 litros de gasóleo consumidos. Cos proxectos solicitados e planificados a curto prazo, o aforro total, indicou, ascenderá a 2132 toneladas de carbono anuais, estimándose un investimento total de 3,5 millóns de euros (financiado ao redor do 80% a través da Xunta de Galicia, o Inega e o Idae).

Actuacións xa realizadas por campus

O vicerreitor de Planificación e Sostibilidade detallou as actuacións que permitiron chegar á redución actual de 1821 toneladas. No campus de Vigo, no período 2019/2020 as actuacións realizadas foron as instalacións fotovoltaicas de 100kWp do edificio Cintecx; a de 42kWp da Escola de Enxeñería Industrial (sede cidade); a de 100 kWp do Cacti; a de 100 kWp da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía e a de 200 kWp da Escola de Enxeñería Industrial (sede campus). A ela sumouse a renovación Led de catro edificios. O aforro total de emisións de carbono anual neste campus ascende a 1038 toneladas, sendo o investimento total (sen IVE) de 1.225.260 euros.

Polo que respecta ao campus de Pontevedra, o vicerreitor falou da instalación fotovoltaica de 100 kWp da Facultade de Ciencias Sociais e Comunicación e da de 78kWp de Ciencias da Educación e do Deporte, ambas de 2019, e da District Heating, da rede de produción e distribución de calor con biomasa de 2000kW destes dous centros, do ano 2020. Míguez apuntou como en total permiten a redución de 339 toneladas de carbono/ano, sendo o investimento total de 787.528 euros.

As actuacións no campus de Ourense foron a instalación fotovoltaica do edificio Politécnico de 100 kWp e a instalación híbrida de xeotermia/aerotermia de 500 kW do Edificio de Ferro, formada por cinco bombas de calor auga-auga, 36 pozos de 125 m de profundidade e tres unidades de aerotermia exteriores. Segundo os datos expostos, a redución de emisións grazas a estas infraestruturas ascende a 444 toneladas anuais e o investimento total a 764.968 euros.