A UVigo recoñece cos Premios á excelencia académica a 43 estudantes de doutoramento

Cada estudante recibe unha axuda de 250 euros, repartíndose en total preto de 11.000 euros

Todas e todos teñen expedientes académicos brillantes e a todos lles gustaría ter un futuro profesional ligado á carreira científica e investigadora. Son as 43 gañadoras e gañadores dos Premios á Excelencia Académica, galardóns cos que a Universidade de Vigo quere premiar ao alumnado que iniciou este curso estudos de doutoramento. Cada un recibirá unha axuda de 250 euros, repartíndose en total preto de 11.000 euros.

65% de mulleres e presenza dos tres campus

Entre os premiados hai 28 mulleres e 15 homes e todos están matriculados nalgún dos 38 programas de doutoramento que se están a impartir nos tres campus da Universidade de Vigo: 27 en programas de doutoramento adscritos ao campus de Vigo, 12 aos de Ourense e 4 aos de Pontevedra -dous no de Creación e Investigación en Arte Contemparánea, outra no de Equidade e Innovación en Educación e outra no de Ciencias do Deporte, Educación Física e Actividade Física Saudable-. En Ourense,  hai matriculados en Ciencias da Educación e do Comportamento, Ciencia e Tecnoloxía Agroalimentaria, Sistemas de Softwarte Intelixentes e Adaptables, Ecosistemas Terrestres, Usos Sustentables e Implicación Ambientais e no de  Auga sustentabilidade e Desenvolvemento. 

No caso do campus de Vigo o abano de programas con persoas matriculadas premiadas é amplo e representan a todos os ámbitos do coñecemento. No eido científico hai premiados en programas como Ciencia e Tecnoloxía de Coloides e Interfaces, Metodoloxía e Aplicacións en Ciencias da Vida, Neurociencia e Psicoloxía Clínica, Biotecnoloxía Avanzada, Ciencias Mariñas e Química Teórica e Modelización Computacional. No ámbito tecnolóxico a listaxe de programas inclúe Enxeñaría Química, Tecnoloxías e Procesos Avanzados na Industria, Métodos matemáticos e simulación numérica en enxeñaría ou Tecnoloxías da Información e as Comunicacións. As premiadas e premiados correspondentes ao ámbito xurídico social decidíronse polos programas de Xestión e resolución de conflitos, menores, familia e xustiza terapéutica e o de Análise económica e estratexia empresarial. No caso das premiadas e premiados do ámbito humanístico están a ampliar estudos en Tradución e Paratradución, Estudos Lingüísticos e Estudos Ingleses Avanzados.