A UVigo recibe este curso 480 estudantes estranxeiros

“Agardamos que en 20 anos lembredes a experiencia como unha etapa chea de ledicia”, sinalou o reitor

A Universidade de Vigo deu a benvida este mércores ao alumnado estranxeiro que acaba de chegar aos campus de Vigo e Pontevedra para completar a súa formación durante o segundo cuadrimestre. En total, son 198 mozos e mozas de 32 países de Europa, América e Asia, que se suman aos 43 que chegaron en setembro pero elixiron a opción de quedarse durante o curso completo. Desde xeito, neste segundo cuadrimestre a UVigo contará nas súas aulas con 241 estudantes estranxeiros de programas de mobilidade que, sumados aos 228 que realizaron a súa estadía no primeiro cuadrimestre, deixa unha cifra global de 480 alumnos internacionais neste curso 2023/2024.

Os actos de benvida para as e os que acaban de chegar tiveron lugar hoxe en Vigo e en Pontevedra, e mañá será a quenda de Ourense. No campus de Vigo foron recibidos polo reitor, Manuel Reigosa, pola vicerreitora de Internacionalización, Maribel del Pozo, e polo decano da Facultade de Filoloxía e Tradución, José Montero, centro anfitrión do acto. O reitor amosouse “orgulloso e feliz de tervos aquí, de que nos escollerades”, e lembroulles que a pesar de ser unha universidade pequena “somos fortes en investigación e estamos entre as 600 mellores do mundo segundo o ránking de Shanghai de 2023”. Reigosa tamén fixo fincapé no papel de “faro” que as universidades deben desenvolver na procura dunha “sociedade mellor” e convidou o alumnado a involucrarse neste proceso para crear unha sociedade baseada no coñecemento, igualitaria e comprometida co desenvolvemento sostible. Finalmente, animounos a aproveitar a súa estadía en Galicia en todos os eidos e a tecer redes que poden ser importantes no seu futuro. “Agardamos que dentro de 20 ou 30 anos lembredes esta experiencia en Vigo como unha etapa chea de ledicia”. Tamén a vicerreitora Maribel del Pozo se dirixiu ao estudantado para desexarlles que teñan “unha boa experiencia”, tanto académica como persoal, que “axudará a convertervos en mellores cidadáns” e que “cando volvades ás vosas casas, o fagades cunha mente nova, porque a experiencia internacional cambiará as vosas vidas, así que gozade de cada momento e aprendede. Será un tesouro nos vosos corazóns”. Finalmente, o decano da FFT, José Montero, aproveitou tamén para lembrarlles, en inglés, español e galego, que esta é unha terra bilingüe e culturalmente rica, e animounos a aprender unhas nocións básicas da “lingua de Rosalía, de Curros e dos trobadores da ría”.

Mentres, en Pontevedra deulles a benvida a vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, quen felicitou ao alumnado internacional por ter feito “unha elección estupenda, xa que estades nunha das mellores universidades a nivel nacional”. No acto celebrado na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, a vicerreitora desexoulles tamén que a súa estadía en Pontevedra lles servise tanto para “aprender moito” nas aulas como para “que gocedes da experiencia dun intercambio, que é moi importante para o desenvolvemento persoal”.

480 estudantes estranxeiros durante este curso

Durante este curso 2023/2024, serán 480 os estudantes estranxeiros que pasarán pola aulas da Universidade de Vigo. 228 fixérono no primeiro cuadrimestre e outros 241 estarán no segundo, incluíndo tanto os que acaban de chegar (198) como os que teñen unha estadía de curso completo (43). Para completar a cifra global, os que restan son estudantes con estadías de prácticas, cuxa duración está vinculada temporalmente coa súa formación en empresas. Esta cifra está na liña dos datos dos últimos tres cursos, nos que se foi, pouco a pouco, superando a caída de mobilidade derivada da pandemia. Con todo, a institución sigue traballando para retornar ás cifras previas á covid, cando os tres campus da UVigo recibían cada ano arredor de 650 estudantes estranxeiros.

No global do ano, a distribución por campus segue mantendo o esquema de cursos anteriores, sendo Vigo o campus máis internacional, ao recibir a 362 mozos e mozas doutros países, seguido de Pontevedra, campus elixido por 69 estudantes internacionais, e Ourense por 49. En Vigo, a Facultade de Filoloxía e Tradución volve ser a que máis mobilidades recibe (115); en Pontevedra é a Facultade de Comunicación a máis solicitada polo alumnado internacional (27), mentres que en Ourense é a Facultade de Ciencias (19). Respecto dos programas de mobilidade, 362 estudantes chegan á UVigo ao abeiro de diferentes programas dentro da convocatoria Erasmus+, outros 105 mediante convenios bilaterais e o resto con outro tipo de iniciativas como ISEP. Do total, 436 son estudantes de grao, 35 de mestrado e os restantes de doutoramento ou de prácticas.

As mozas, maioría no segundo cuadrimestre

No que respecta ao alumnado que estará nos centros da UVigo neste segundo cuadrimestre, a presenza feminina é maioritaria: 157 mozas, 81 mozos, 1 estudante non binario e outros dous que non quixeron especificar o seu xénero. De todos eles e elas, 178 estudarán no campus de Vigo, 37 no de Pontevedra e 26 en Ourense. Analizando a súa procedencia, Italia segue a ser o país con máis representación (47), seguido de Francia (23) e de México (21). Respecto dos programas de mobilidade, 63 estudantes chegan á UVigo grazas a convenios bilaterais coa súa universidade de orixe, outros 158 dentro do programa Erasmus+ KA 131, 9 co programa Erasmus+ KA 171 e 11 co programa ISEP, procedentes principalmente de EEUU.

178 estudantes internacionais en Vigo no que resta de curso

Nesta segunda parte do curso no campus de Vigo haberá 178 estudantes internacionais (143 chegados neste segundo cuadrimestre), cuxo esquema de procedencia repite os datos globais dos tres campus, xa que 42 son de Italia, 17 de Francia e outros 17 de Alemaña, seguidos doutros 16 de Polonia. A facultade máis internacionalizada volve ser a de Filoloxía e Tradución, que recibe 115 estudantes, seguida de Ciencias Económicas e Empresariais (93) e a Escola de Enxeñería Industrial (61). Tras estes tres centros están a Facultade de Bioloxía con 12, a EE de Telecomunicación e a Facultade de Comercio, ambas con 10, e a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo con 9. En maior ou menor medida, todos os centros do campus reciben alumnado estranxeiro este cuadrimestre.

37 estudantes de 15 países completan o curso en Pontevedra

México, con oito alumnos e alumnas, Portugal, con cinco, e a República Checa, con catro, encabezan a lista de 15 países dos que proceden os 37 estudantes internacionais que se formarán no campus pontevedrés o que resta de curso. Deles, 31 incorpóranse este cuadrimestre e seis permanecen na cidade ao longo de todo o curso. Un ano máis, a Facultade de Comunicación é o centro con máis alumnado internacional, con 13 alumnos e alumnas, seguida de Belas Artes, con dez, e Fisioterapia, con oito. Neste cuadrimestre, tamén reciben alumnado estranxeiro as facultades de Ciencias da Educación e do Deporte e Dirección e Xestión Pública.