A UVigo convoca unha nova edición dos Premios Extraordinarios de Doutoramento

Poderán presentarse todas as teses que obtiveran a cualificación de sobresaliente cum laude

O prazo de solicitudes permanecerá aberto do 19 ao 30 de setembro

A Universidade de Vigo acaba de facer pública a convocatoria dunha nova edición dos Premios Extraordinarios de Doutoramento, unha mención honorífica que concede a institución como recoñecemento ao alto nivel de calidade das teses de doutoramento defendidas ao longo do curso. Poderán presentarse todas as teses que obtiveran a cualificación de sobresaliente cum laude no período temporal que abrangue do 1 de setembro de 2021 ao vindeiro 31 de xullo e o prazo de solicitudes permanecerá aberto do 19 ao 30 de setembro.

O número de premios e a súa distribución por ámbitos publicarase mediante Resolución Reitoral no prazo previsto no calendario da convocatoria, considerándose para esta convocatoria os ámbitos de Ciencias, Arte e Humanidades, Enxeñaría e Arquitectura e Xurídico- Social, coa subdivisión destes segundo os campos de avaliación definidos pola Comisión Nacional Avaliadora da Actividade Investigadora, CNEAI. O regulamento establece que se poderán outorgar inicialmente un premio por cada 10 teses ou fracción en cada campo CNEAI no que se teñan lidas cando menos tres teses ao longo deste curso, pero será na devandita convocatoria na que se incluirá a relación de criterios específicos que se aplicarán na selección das teses no relativo á concesión da mención do premio extraordinario.

Na convocatoria dos premios tamén se establece  que, como é habitual, será o reitor  o encargado de nomear os tribunais encargados de elaborar a proposta de concesión que se enviará á Comisión Permanente da Eido, Escola Internacional de Doutoramento, para valorala e remitila á Secretaría Xeral para a súa aprobación polo Consello de Goberno. As doutoras e doutores aos que se lles concede este recoñecemento terán exención de prezos públicos pola expedición de títulos e contarán tamén co recoñecemento documental que a Universidade estableza. 

O curso pasado concedéronse 30 recoñecementos

Na enterior edición dos galardóns, correspondentes ao curso 2019-2020, concedéronse un total de 30 premios: 12 vinculados ao ámbito de Ciencias, catro ao de Arte-Humanidades, sete ao de Enxeñaría-Arquitectura e outros sete ao Xurídico-Social. O 73% das persoas galardoadas eran mulleres e todos os premiados recibiron a insignia da UVigo no acto institucional de celebración de San Tomé de Aquino, patrón da universidade.