Antonio Iglesias obtivo a medalla de prata na competición individual
Os campionatos de España universitarios seguen deixando boas novas en forma de medallas para a Universidade de Vigo. O último éxito foi o obtido esta fin de semana no CEU de bádminton celebrado no Palacio de Deportes de Santander e organizado pola Universidad Europea del Atlántico. A UVigo conseguiu o bronce por equipos, mentres que o estudante Antonio Iglesias obtivo a medalla de prata na competición individual.
Na competición por equipos a UVigo chegou á semifinal, na que perdeu ante a UCAM,
Universidad Católica San Antonio de Murcia que, de feito, se proclamou campioa de España universitaria, tras impoñerse na final á Universidad Miguel Hernández. O bronce obtido pola UVigo foi compartido coa Universidade de Oviedo.
A competición por equipos tivo lugar o último día do campionato, despois de disputarse as competicións individuais, dobres masculino e feminino e dobres mixto, que tamén deixaron unha medalla para a Universidade de Vigo, a prata obtida por Antonio Iglesias, estudante de Ciencias da Actividade Física e do Deporte, na competición individual masculina. Iglesias chegou á final, onde caeu ante o deportista máis laureado na historia do bádminton español, Pablo Abián, pero asinou unha magnífica competición e púxollo ben complicado a un rival que ten ás súas costas catro Xogos Olímpicos e que, a pesar da súa idade, está nunhas magníficas condicións. Ademais, para o estudante da UVigo esta medalla supón un chanzo máis na súa carreira, xa que mellora os resultado do CEU do pasado ano, cando obtivo o bronce.
Menos sorte tivo o equipo de dobres masculino, formado polo propio Antonio Iglesias xunto con Basilio Porto, que foron eliminados en terceira rolda e non foron quen de repetir o bronce acadado pola Universidade de Vigo na anterior edición. Tamén en terceira rolda foi eliminada a parella mixta, formada por Alejandro Rivadulla e Sofía Álvarez.

