A UVigo aproba un orzamento récord de 248,8 millóns para 2024 e un límite de 5606 prazas de novo ingreso para o vindeiro curso

Vista aérea do Campus de Vigo.

As contas contemplan iniciativas de alto interese como o Edificio de Ciencias Aeroespaciais, a transformación do antigo Hospital Provincial de Pontevedra e o proxecto da ETEA

O Consello de Goberno da Universidade de Vigo celebrou este martes a súa derradeira sesión deste ano. Nela aprobouse por ampla maioría -38 votos a favor, tres en contra e dúas abstencións- a proposta de orzamentos da institución académica para 2024, que ascende á cifra récord de 248,8 millóns de euros, orzamentos que, de novo, se someterán a votación este mesmo xoves no pleno do Consello Social, para, posteriormente, ser enviados á Xunta de Galicia para a súa aprobación definitiva. Xunto aos orzamentos, o Consello de Goberno tamén deu o seu visto e bo ao límite de prazas de novo ingreso en grao e mestrado para o curso académico 2024/2025, que nesta ocasión ascende a 5606 prazas, unha cifra moi similar á do actual curso, así como á Memoria de Responsabilidade Social Corporativa do ano 2022.

Foi unha sesión con marcado carácter económico na que tamén se aprobou -con 40 votos a favor, un en contra e dúas abstencións- o teito de gasto non financeiro para 2024 por importe total de 180,2 millóns de euros e na que o reitor, tras o debate acontecido no Claustro do pasado venres, se amosou “absolutamente tranquilo” cos orzamentos aprobados, insistindo na idea de que que “as contas están ben botadas” e que o seu equipo deixará “moi ben encamiñada a Universidade para o futuro”, pendentes, “iso si”, de mellorar o cadro de PAS e facer unha nova Relación de Postos de Traballo, “máis moderna e acaída cos tempos que corren”.

“Equilibrio orzamentario desde 2012”

Da presentación das liñas básicas do orzamento 2024 encargouse a xerente, Yolanda Lesmes, quen fixo fincapé no “mantemento do equilibrio orzamentario” mantido pola institución desde o ano 2012, así como na idea de que o Plan de Financiamento do SUG favorece a dotación da Universidade de Vigo, se ben, haberá que estar pendente da execución do compromiso de destinar o 1% do PIB ás universidades, algo no que a Xunta de Galicia xa se pronunciou de maneira positiva. A este aspecto tamén se referiu o reitor, quen adiantou que, de cumprirse este compromiso “a suficiencia financeira de todo o sistema universitario galego vai estar máis que asegurada”.

Segundo explicou Lesmes, o capítulo I supón o de maior peso nos conceptos do orzamento de gasto. Coa súa dotación cóbrese os incrementos salariais anunciados ou aprobados polo Estado, e as políticas de persoal desenvoltas polo goberno da Universidade a prol da estabilización, unificación dos réximes xurídicos, e retención do talento. “Queda por diante o reto do relevo se atendemos a idade media do persoal”, salientou Lesmes, quen tamén recordou que o orzamento contempla iniciativas de alto interese para a Universidade, caso, por exemplo, do Edificio de Ciencias Aeroespaciais, a transformación do antigo Hospital Provincial de Pontevedra e o proxecto da ETEA.

“A Universidade segue a dispoñer de recursos propios para atender o gasto estrutural non financiado por outros axentes, pero dito isto, deberán empregarse esforzos para adoitar medidas orientadas a consolidar os ingresos que garantan a estabilidade orzamentaria e a saúde financeira da Universidade, obtención de recursos e a racionalización do gasto”, recalcou a xerente na súa exposición.

Tras a presentación dos orzamentos realizada pola xerente e previo ás votacións, a docente e investigadora Coral del Río Otero, en nome de Nós Universidade, explicou o voto en contra deste colectivo a este proxecto de orzamentos en base a todas as ideas xa expostas o pasado venres no Claustro universitario. “Ano a ano temos uns gastos correntes que superan aos ingresos correntes, non se trata dunha situación conxuntural, senón que é algo que se vén dando sistematicamente e que nos preocupa seriamente”, recalcou a docente, ao tempo que lamentou que o debate xerado no Claustro  non servise para cambiar ningún aspecto da presentación dos orzamentos realizada pola xerente. “Economicamente estamos peor que fai cinco anos para acometer os grandes obxectivos que ten a UVigo, empezando polo reto da renovación do cadro de persoal”, explicou a voceira de Nós Universidade no Consello de Goberno. A maiores, contouse tamén coa intervención, desde o Persoal de Administración e Servizos, de Anabel G. Penín, quen lamentou a “falta de compromiso deste equipo de goberno coa política de PAS”, ademais de amosar moitas inquedanzas ao respecto dos orzamentos en base ao exposto polo profesor Juan Carlos Surís no Claustro. 

En resposta a estas inquietudes de parte da comunidade universitaria o reitor explicou que no ano 2025 rematarase co pago dos empréstitos que se fixeran no seu día, “que nós herdamos e que forman parte do orzamento en cada un dos anos”. Así mesmo, lembrou que Vigo é unha das poucas universidades que cumpre co establecido na LOSU en canto ao financiamento que se dedica a investigación. “Por outra banda, penso que tamén podemos loarnos de que, incluso nestes dous anos nos que subiron moito os custes de persoal, aínda así, estamos aí, e, por outra banda, a enorme calidade do noso persoal investigador fai que teñamos un éxito impensable en todas as convocatorias, moi especialmente a nivel internacional, e isto tamén nos dá certo músculo”, recalcou Reigosa.

Proposta de límites de prazas

Ao marxe dos temas económicos, o Consello de Goberno aprobou por asentimento un límite de 5606 prazas de novo ingreso para o vindeiro curso, 3837 para titulacións de grao (dúas menos ca este curso) e de 1769 para titulacións de mestrado (65 máis). Esta cifra está pendente da resolución da Secretaría Xeral de Universidades e de que o Ministerio de Defensa aprobe as prazas correspondes ao Grao en Enxeñería Mecánica e as do Mestrado en Dirección TIC para a Defensa. 

Entre as maiores novidades na proposta de oferta de prazas para o vindeiro curso, presentada no Consello de Goberno por Alfonso Lago, vicerreitor de Titulacións e Innovación Docente, está a implantación por primeira vez na UVigo de cinco Programas Académicos de Percorridos Sucesivos (PARS). Neles o alumnado que se matricule ten a oportunidade (que non reserva de praza) de poderse matricular nun mestrado antes de rematar o grao (sempre que non lle queden máis de 30 ECTS e cumpra as condicións correspondentes que se indican na normativa). Os PARS propostos para o curso 2024/2025 na UVigo son no Mestrado en Enxeñaría Biomédica vía Grao en Enxeñaría Biomédica (8 prazas); no Mestrado en Enxeñaría Industrial vía Grao en Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais (10 prazas); no Mestrado en Enxeñaría de Telecomunicación vía Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación (15 prazas); no Mestrado en Enxeñaría Informática vía Grao en Enxeñaría Informática (5 prazas) e no Mestrado en Enxeñaría Aeronáutica vía Grao en Enxeñaría Aeroespacial (5 prazas). As prazas deste programas retrotráense das prazas de novo ingreso correspondentes dos graos de entrada aos mesmos.

Como novidade en titulacións de grao, a UVigo propón a posta en marcha do Grao en Enxeñaría da Automoción con mención dual, adscrito á Escola de Enxeñería Industrial, estando aínda pendente de ter os informes favorables da Secretaria Xeral de Universidades e da Acsug. O título proposto ofertaría 20 prazas, contando coa colaboración do clúster da automoción, xa que o alumnado realizaría 48 créditos do último curso en empresas desta industria. Respecto á oferta de grao, tamén se aprobou a proposta de modificacións, co obxectivo de “axustar oferta e demanda”, no Grao de Relacións Laborais e Recursos Humanos (pasando de 72 a 70 prazas) e no Grao de Enxeñaría dos Recursos Mineiros e Enerxéticos (de 50 a 30 prazas). No Grao de Dirección e Xestión Pública, a proposta aprobada é manter o número de prazas (45) pasando cinco delas da modalidade presencial á virtual, quedando en 20 presenciais e 25 virtuais. O resto de graos manteñen a súa oferta de prazas de novo ingreso do curso 2023/2024, salvo os que participan nos PARS, que como se indicou retrotraen o número de prazas ofertadas en cada caso para estes programas. 

En mestrado, a oferta increméntase coa proposta de tres novos títulos interuniversitarios, actualmente en proceso de verificación na Acsug: de Biofabricación (7 prazas na UVigo e adscrito ao Centro de Posgrao e Formación Permanente); Ensinanza do Español como Segunda Lingua Estranxeira ou Segunda Lingua (8 prazas na UVigo e adscrito á Facultade de Filoloxía e Tradución) e Internet das Cousas IoT (20 prazas na UVigo e adscrito á Escola de Enxeñaría de Telecomunicación). Ademais, para o curso 2024/2025 ofértase o Mestrado en Ciencia e Tecnoloxía de Conservación de Produtos da Pesca, mestrado bianual adscrito á Facultade de Química. Entre outras modificacións, tamén está a solicitude do incremento en dúas prazas do Mestrado de Química Teórica e Modelización Computacional (interuniversitario), e a adaptación do número de prazas en Enxeñaría de Telecomunicación e Enxeñaría Industrial, que ofertarán respectivamente 25 e 50 prazas. Non se impartirá o vindeiro curso o Mestrado en Xestión do Desenvolvemento Sostible.  

Na última sesión do Consello de Goberno deste ano tamén se aprobou a tramitación da modificación do título de Máster Universitario en Biofabricación, que pasa a ter como centro de impartición responsable o Centro de Posgrao e de Formación Permanente. Igualmente, aprobouse por asentimento a programación docente anual de titulacións de grao e mestrado para o curso 2024/2025. Ademais, aprobouse a tramitación das modificacións non substanciais das titulacións de grao, mestrado e programas de doutoramento para a súa adaptación ao RD 822/2021.